O BNG pide que se garanta servizo de transporte para todo o alumnado do CEIP Vales Villamarín
Nun novo recorte dos servizos educativos complementarios, a Xunta de Galiza considera varias liñas de autobús como liñas integradas, o que converte o alumnado excepcional en simples pasaxeiros
Amelia Sánchez afirma que “a Xunta de Galiza debe garantir este servizo a todo o alumnado e o Concello debe mediar para solucionar este conflito o antes posíbel”
Betanzos, 30 de xullo de 2021.- O BNG esixiu que se garanta servizo de transporte para todo o alumnado do CEIP Vales Villamarín. Despois de coñecer nos pasados días as familias usuarias os cambios que se van efectuar en varias desas liñas e que, na práctica, levan consigo que moitas desas crianzas vaian deixar de ter praza no servizo e se convertan en simples pasaxeiros, o BNG esixiu que a Xunta de Galiza garanta este servizo.
“Segundo informou nunha reunión coas familias a dirección do Vales Villamarín, tres liñas de autobús pasarán a ser liñas integradas de transporte público, un feito que crea dificultades na seguridade e no control do alumnado transportado de maneira excepcional. Este alumnado, que vive maioritariamente no centro urbano de Betanzos, deixaría de ter praza no servizo e, asemade, non estaría baixo o control das coidadoras do transporte escolar”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
Amelia Sánchez, manifestou que “esta situación crea un problema para arredor de 80 familias, posto que merma os dereitos dos seus fillos e fillas e dificulta a conciliación da vida familiar e laboral”.
As nacionalistas ofreceron o seu apoio á Dirección do centro, á Anpa e ás familias afectadas, ao tempo que instaron á Xunta de Galiza a dar solución a esta problemática. Sánchez solicitou ademais ao Concello de Betanzos que exixa unha solución á Xunta e que abra un novo prazo de solicitude no servizo de mañanceiros para dar cobertura a aquelas familias que o necesiten logo desta mudanza.