O BNG pedirá que o Pleno se opoña á privatizacion do Rexistro Civil
A documentación que expide o Rexistro Civil, que até agora era gratuíta, é obrigatoria para cobrar pensións, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas e o PP a pon en mans privadas, con taxas que non ingresarán as arcas públicas senón que irán pagar ás mans dos rexistradores directamente
Betanzos, 24 de abril de 2015. O BNG defenderá unha moción no Pleno do vindeiro martes para reclamar a paralización do traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís e a garantir o seu carácter público. De non forzar ao PP a recuar nesta decisión, a partir 15 de xullo quen teña que facer trámites no Rexistro Civil terá que ir e pagarlle ao rexistro da propiedade, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Segundo explicou Henrique del Río, con esta decisión aprobada polo goberno español do PP por medio do Real Decreto-lei 8/2014 desaparecerá un servizo público que se prestaba gratuitamente e pasaráselle ao rexistro da propiedade, onde se grava cun arancel as prestacións realizadas aos usuarios e usuarias, indicou.
O Rexistro Civil é un servizo público e gratuíto que cumpre numerosas funcións que son indispensábeis para a vida diaria, como a inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou de sexo. A documentación que expide o Rexistro Civil é obrigatoria para cobrar pensións, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas advertiu Del Río, que lamenta que unha vez máis o PP carga as tintas sobre as persoas que menos teñen.
Del Río cuestionou tamén que esta decisión foi adoptada despois de investir un montón de recursos públicos para a modernización e dixitalización dos rexistros civís, que agora se poñen en mans privadas, con taxas que non ingresarán as arcas públicas senón que irán pagar ás mans dos rexistradores directamente. Casualmente o actual presidente do goberno español é rexistrador da propiedade, está claro por quen mira o PP, ironizou Del Río.
Destacou tamén que a protección de datos persoais e obrigatorios que contén o Rexistro Civil queda en evidencia ao se poñer en mans de persoal que non ten o carácter de funcionariado público nin o deber de confidencialidade. Por outra parte, é preciso non esquecer a previsíbel perda de postos de traballo de persoal dependente agora do Ministerio de Xustiza.
O BNG comprometeuse xa a apoiar as mobilizacións que se convoquen a favor de manter estes rexistros con carácter público e en todas as vilas e cidades do país.