O BNG-Asembleas abertas instou ao alcalde a dar a cara no debate sobre o Casco Histórico
Del Río: Parécenos imprescindíbel confrontar as nosas propostas con outros grupos políticos, entidades sociais e veciños e veciñas para chegar a acordos que permitan cambiar a nosa cidade
Betanzos, 23 de abril de 2015. O BNG instou ao alcalde a que dea a cara e explique a súa xestión con respecto ao Casco Histórico á veciñanza. O candidato do BNG-Asembleas abertas, Henrique del Río, cualificou de vergoñenta, a actitude do alcalde e candidato do PSOE Ramón García, ao negarse a acudir a un debate sobre as propostas para o Casco Histórico que organiza a libraría Biblos.
É totalmente impresentábel que o alcalde se negue a acudir a dar contas da súa xestión aos veciños e veciñas, máis no caso de Ramón García que se presenta como candidato negándose a explicar o seu proxecto, censurou o candidato nacionalista. O PSOE leva 4 anos gobernando de costas á veciñanza e parece que non pensan dar a cara nin para defender a súa xestión.
Entendemos que se avergonce, xa que en 4 anos o único que ten que presentar con respecto ao Casco Histórico son montóns de promesas incumpridas, como a reconstrución da Casa Gótica ou a nova ordenación do tráfico ou a aprobación dun novo PEPOCH, criticou Del Río, quen confirmou que o BNG acudirá a calquera debate ou encontro ao que sexa convidado a explicar as súas propostas.
Parécenos imprescindíbel confrontar as nosas propostas con outros grupos políticos, entidades sociais e veciños e veciñas para chegar a acordos que permitan cambiar a nosa cidade, indicou o candidato nacionalista. Esperamos que a veciñanza tome nota das actitudes do PSOE e non lle siga dando apoio a quen pretende seguir no poder sen proxecto nin ilusión ningunha por cambiar nada finalizou.
O BNG organizou un acto sobre a rehabilitación dos cascos históricos co alcalde de Allariz
O pasado 17 de abril o BNG organizou un acto sobre a rehabilitación dos cascos históricos na Libraría Biblos, a carón da sede comarcal do BNG, en pleno Casco Histórico. O coloquio contou coa participación de Francisco García, alcalde de Allariz polo BNG.
"Nin Allariz tivo unha milagre nin Betanzos ten unha maldición bíblica" dixo Henrique del Río, "Allariz tivo e ten un goberno do BNG coas ideas claras do que facer e rumbo certo para conseguilo". "Nós temos claro tamén o camiño a seguir, temos Allariz de exemplo e modelo do que queremos facer no Casco Histórico" relatou.