O BNG pedirá no Pleno solucións aos problemas que creou o PP coa privatización da escola infantil
Como dixemos no seu momento, coa privatización desmantelouse un servizo público para favorecer que determinadas empresas fixeran negocio co ensino e agora estamos a ver as consecuencias.
Betanzos, 26 de decembro de 2012. O BNG presentará mañá no Pleno unha moción de urxencia para reclamar á Xunta unha solución diante da situación creada na escola infantil do Carregal pola empresa concesionaria. Segundo explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, hai apenas seis meses a empresa tivo que acreditar a súa solvencia para facerse coa escola infantil e agora alegan un furado de 170 000 euros para incrementar as horas lectivas ao profesorado, recurtarlles días libres e conxelar os salarios.
Cando se privatizou o centro o BNG advertía que esta medida tamén repercutiría na calidade educativa das escolas infantís e na precarización dos empregos nas mesmas. Como dixemos no seu momento, coa privatización desmantelouse un servizo público para favorecer que determinadas empresas fixeran negocio co ensino e agora estamos a ver as consecuencias recordaron.
Os pais e nais do alumnado comunicáronos tamén que a empresa despediu á até o de agora directora da escola infantil diante dunhas inminentes eleccións sindicais indican os nacionalistas. Temémonos que isto forme parte dunha estratexia para presionar ao persoal da escola infantil de forma que non reclamen os dereitos laborais que a Lei lles outorga, lamentan desde o BNG.
Por este motivo, o BNG pedirá do Pleno do Concello que reclame á Xunta que poña solución aos problemas que a xestión privada do centro están a provocar. En caso de que a empresa non se aveña a razóns, que se rescinda o contrato e que se garanta un ensino público de calidade, conclúen.