O BNG pedirá no Pleno a reapertura da Aula CeMIT
Desde o BNG lembran que o pasado 5 de febreiro a Xunta concedeu unha subvención de 15 000 euros para financiar a Aula.
Trasladarán as queixas dos usuarios que xa levaron adiante mesmo unha recollida de sinaturas.
Betanzos, 24 de marzo de 2014. O BNG demandará no Pleno que o goberno local do PSOE asuma xa a contratación axente TIC para que a Aula CeMIT continúe prestando os seus servizos á veciñanza cando menos coa mesma frecuencia e calidade que ata o pasado mes de decembro.
Os nacionalistas advirten que desde que a anterior axente TIC rematou o seu contrato a aula só abre en horario de mañá, porque abre e pecha a porta da aula o encargado da OMIX, mais sen atender nin dar ningún tipo de solución o impartir actividades ás persoas que utilizan a sala. Isto ten motivado as queixas dun importante grupo de persoas usuarias, que mesmo organizaron unha recollida de sinaturas demandando ao goberno local que solucione esta situación, que xa dura tres meses.
Desde o BNG lembran que o pasado 5 de febreiro a Xunta concedeu unha subvención de 15 000 euros para financiar a Aula. Esta subvención pode adicarse á contratación dun axente TIC ou a calquera outra actividade relacionada co funcionamento da Aula, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que lamenta que o goberno local leva un mes dando voltas sen aclarar que pretende facer con esta aula a pesar de que a ten recoñecida como aula de referencia por parte da Xunta.
Os nacionalistas explican que a axuda de 15 000 euros concedida pola Xunta foi en base a uns proxectos concretos, que agora mesmo non se están levando adiante porque, entre outras cousas, é imposibel de executar sen persoal. Para que se deixen de desperdiciar estes 15 000 euros que de seguir a actual situación non van poder ser xustificados polo goberno local e mais para para dar servizo ás demandas das persoas usuarias pedimos que se poña a funcionar a aula CeMIT, indica Del Río.
Ademais, á vista das queixas dos usuarios e usuarias da sala e da recollida de sinaturas que xa levaron adiante, desde o BNG demandan ao goberno local que artelle vías para coñecer as demandas das persoas usuarias da aula.
O PSOE mantivo outro persoal contratado con subvencións cando estas remataron
Desde o BNG cuestiona que a Aula CeMIT pechase os seus servizos de formación e asesoramento e ficase reducido o seu horario de acceso a internet a raíz de que a axente TIC que coordinaba as distintas actividades do centro rematou o seu contrato por rematar a subvención da Xunta de Galiza.
O goberno do PSOE decidiu manter os operarios do GRUMIR cando rematou a subvención da Xunta advirten os edís do BNG, que exixen ao goberno local que aclare a que se debe este distinto proceder en ambos casos.