O BNG exixe ao PSOE que modifique a orde do día do Pleno para tomar unha decisión sobre a ORA
Os nacionalistas informaron de que teñen presentada unha queixa ante o valedor do pobo polos obstáculos que o goberno local lles pon continuamente para o acceso á documentación e a falta de transparencia na súa xestión.
Del Río: Faremos o que sexa necesario para conseguir defender os intereses da nosa veciñanza no tema da ORA.
Betanzos, 22 de marzo de 2014. O BNG denunciou que o alcalde non incluíu na orde do día do Pleno do vindeiro martes a súa moción sobre a supresión da zona azul da ORA. "No Pleno de febreiro decidiron deixar o asunto encima da mesa para pedir un informe, pero o informe do secretario está feito desde o 14 de marzo e a pesar diso o PSOE non permite que se vote no Pleno a nosa moción" explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
"Desde logo, botar sete anos permitiendo que unha empresa explote as nosas rúas sen liquidación nigunha é o suficientemente grave como para que o Pleno se posicione", explica Del Río. "O PSOE está secuestrando o noso dereito a presentar no Pleno as iniciativas que estimemos oportunas", advirte o edil do BNG, xa que de nada vale facer propostas senon permiten que se voten para tomar unha decisión.
Faremos o que sexa necesario para conseguir defender os intereses da nosa veciñanza no tema da ORA
O BNG considera que "o goberno do PSOE está a ter en todo este tema unha actitude moi sospeitosa". "Primeiro négannos durante vinte días acceso a un expediente que construíron cando pedimos a información sobre a ORA e agora néganse a incluír no Pleno a nosa moción", relata Del Río. "En lugar de actuar con lealdade á veciñanza explicándoo todo con luz e taquígrafos o PSOE opta por xogar ao despiste, esconder o expediente e secuestrar a opinión do Bloque", engade. "Se estivesen defendendo os intereses da veciñanza non terían que botar man de tantas tretas", asegura.
Os nacionalistas informaron de que teñen presentada unha queixa ante o valedor do pobo polos obstáculos que o goberno local lles pon continuamente para o acceso á documentación e a falta de transparencia na súa xestión. Temos presentada xa unha queixa ante o valedor do pobo, concretamente polo ocultamento que o goberno local do PSOE de toda a información en relación coa ORA, que por outra banda é a súa costume habitual desde o inicio da lexislatura, denunciou Del Río, as súas formas son exactamente as mesmas que as do Partido Popular alí onde goberna.
Faremos o que sexa necesario para conseguir defender os intereses da nosa veciñanza no tema da ORA, concluíu Del Río, parécenos que non podemos consentir que o goberno local siga facendo política para beneficiar a unha empresa privada a costa dos intereses de todos e todas e sen gardar sequera as mínimas formas democráticas.