O BNG pedirá no Pleno que se manteña aberto o centro de orientación familiar do Ventorrillo
Del Río ao PP: deixen de enredar con remanentes e excusas e aseguren no trámite parlamentario dos orzamentos os cartos necesarios para construír o novo colexio público de Betanzos.
Betanzos, 17 de xaneiro de 2013. O BNG presentará no Pleno unha moción reclamando o mantemento do centro de orientación familiar (COF) do centro de especialidades do Ventorrillo, que é o que corresponde aos usuarios e usuarias do centro de saúde de Betanzos. A xubilación do único xinecólogo do que dispuña o centro pon en risco a atención de máis de 61.000 mulleres de 37 concellos da contorna da Coruña, entre os que se atopan Betanzos e todos os das Mariñas, advertiu a concelleira do BNG, María Otero.
Se o COF do Ventorrillo bota o feche non se garantirían os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres advirten desde o BNG. Os recortes en servizos de asesoramento afectivo-sexual afectan á independencia da muller para decidir sobre o seu propio corpo e polo tanto afondan nas desigualdades de xénero que poden levar a situacións de violencia machista, advertiu Otero. Por este motivo, os nacionalistas presentarán no Pleno unha moción para demandar da Xunta o mantemento deste servizo e que se garantan os dereitos das mulleres.
Hai que ter en conta que as mulleres que non queren ser nais son derivadas, en primeira instancia, até os COF, explican os edís do BNG. Nestes centros tamén se practican citoloxías e colocación de métodos anticonceptivos e son punto de referencia das mulleres en materia afectivo-sexual, conflitos de parella e mesmo á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia de xénero, explicou a edila nacionalista María Otero. Se a Xunta de Galiza fecha o COF do Ventorrillo, sería materialmente imposíbel atender a toda a poboación no outro centro que hai na cidade da Coruña, cos riscos que isto supón, sinala, prevendo que, en tal caso, aumentarían os embarazos non desexados.
A Xunta ten que garantir financiamento para o colexio nos orzamentos
Diante das manifestacións da voceira do PP, María Faraldo, sobre a posibilidade de financiar o novo colexio cos cartos que lle poderían ter sobrado á Xunta no ano 2012, o voceiro do BNG exixiu ao PP que garanta o financiamento das obras do novo colexio para que estea operativo no curso 2013-14. Que deixen de enredar con remanentes e excusas e aseguren no trámite parlamentario dos orzamentos os cartos necesarios para construír a escola, exixiu.
Segundo Henrique del Río, o remanente pode existir ou non, ou pode ser unha cantidade insuficiente. Por este motivo, o BNG exixe ao PP que modifique os orzamentos da Xunta e inclúa os cartos precisos para o novo colexio. Os orzamentos teñen que incluír todos os ingresos e gastos da Xunta, indicou, e desta forma toda a cidadanía poderá verificar se os orzamentos se cumpren ou se son só propaganda. A xente non entendería máis retrasos neste proceso, a veciñanza demanda que comecen as obras de inmediato e que se garanta a apertura do colexio no curso 2013-14, concluíu.