O BNG levará a falta de financiamento do novo colexio aos concellos da comarca
Que non haxa un novo colexio en Betanzos no curso 2013-14 é un problema que trascende da propia comunidade escolar, é un problema que afecta a toda a cidade e boa parte da comarca.
Betanzos, 15 de xaneiro de 2013. O BNG presentará nos concellos da área educativa de Betanzos unha moción reclamando á Xunta garantir o crédito necesario para a construción do novo colexio de educación infantil en Betanzos, que dá servizo a este concello e a Coirós e Paderne.
Xa que é un problema comarcal, entendemos que cómpre sumar esforzos a nivel comarcal, explicou a responsábel do BNG na comarca das Mariñas e voceira en Coirós, Pura Ferreño. A nacionalista recordou que o ensino público é un dereito e polo tanto reclamando o colexio estamos a defender un dereito de todas as persoas desta comarca. Ferreño lembrou que o ensino básico ten que ser gratuíto e obrigatorio segundo a Declaración de Dereitos Humanos e o Estatuto de Galiza. Polo tanto, non construíndo o colexio o PP está a furtarlle este dereito esencial á xente, resumiu.
Que non haxa un novo colexio en Betanzos no curso 2013-14 é un problema que trascende da propia comunidade escolar, é un problema que afecta a toda a cidade e boa parte da comarca
O voceiro do BNG en Paderne, Antón Rivas, lembrou que desde que no ano 2007 o Concello de Betanzos acordou a expropiación dos terreos para o novo colexio pasaron catro anos nos que o PP retrasou deliberadamente a posta a disposición da Xunta dos terreos. Desde ese momento os orzamentos da Xunta de Galiza recolleron cantidades moi afastadas do custo real de construción dun colexio de quince unidades asegurou o nacionalista, que aludiu aos 100 000 euros que aparecen nos orzamentos fronte os 3,5 millóns que custa construír un colexio novo.
Por este motivo, os nacionalistas, como xa fixeron no Parlamento, pedirán nos Plenos de Coirós, Paderne e Betanzos que se inste á Xunta a iniciar de inmediato a construción do novo centro de ensino infantil en Betanzos a fin de que poida entrar en funcionamento para o inicio do curso 2013-2014.
O colexio máis masificado de Galiza non pode seguir a garantir a calidade do ensino e é obriga da Xunta actuar
Desde o BNG insisten en que a situación do CEIP Vales Villamarín, único colexio público de educación infantil e primaria con que contan estes tres municipios, é crítica. O colexio máis masificado de Galiza non pode, a pesar do esforzo do cadro docente, seguir a garantir a calidade do ensino e é obriga da Xunta actuar para que o alumnado reciba a formación á que ten dereito, aseguran.
Non se está a pedir unha obra por capricho ou por agravio comparativo con ninguén, explicou Henrique del Río, portavoz municipal do BNG en Betanzos. Estamos falando de que o ensino público é un dereito, de que se está incumprindo a normativa ao manter o Vales Villamarín masificado e, polo tanto, estamos exixindo que se respecten os dereitos dos veciños e veciñas de Betanzos, Coirós e Paderne.
Os recortes do PP no ensino público, como por desgraza levamos anos comprobando en Betanzos, levan a unha maior masificación do ensino, e esta a un descenso na calidade da educación pública, indicou o edil brigantino. Non esquezamos que o alumnado que hoxe padece un centro masificado e o menor índice de investimento por alumno de toda Galiza son os betanceiros e mariñáns do mañá, advertiu. Polo tanto, que non haxa un novo colexio en Betanzos no curso 2013-14 é un problema que trascende da propia comunidade escolar, é un problema que afecta a toda a cidade e boa parte da comarca, concluíu.