O BNG pedirá no Pleno o amaño da Ponte de Beldoña
Entre as demandas da veciñanza de Guiliade tamén está o amaño do lavadoiro
Betanzos, 11 de marzo de 2015. O BNG trasladará ao Pleno o malestar da veciñanza de Guiliade polo mal estado en que se atopa a ponte vella de Beldoña, que cruza o Mero e une Betanzos e Abegondo. A broza está a medrar na propia ponte e nas súas zapatas, explicou Henrique del Río, que visitou o lugar con veciños da zona.
Parece que desde que Lagares e Santiso clavaron unha placa co seu nome no medio da ponte ninguén se volveu preocupar por ela, ironizou Del Río. É un ben patrimonial que ademais de non estar sinalizado, presenta un estado que fai temer pola súa conservación, explica.
Ademais, os nacionalistas demandarán tamén o amaño do lavadoiro de Guiliade, que presenta síntomas máis que evidentes de abandono de máis dun ano. Está cheo de broza e suciedade, advirten, e ten a cuberta, que queda case a nivel da estrada a Guísamo, chea de lixo e terra.
Semella que o plan de ñapas electorais de precampaña do señor alcalde non chegou ao medio rural, ironizou o voceiro nacionalista. Por este motivo, demandarán o amaño de ambos os dous bens patrimoniais.