O BNG pediu no Pleno medidas contra o desemprego feminino

O BNG pediu no Pleno medidas contra o desemprego feminino

Un momento da comparecencia con Mirabal

“No noso concello, como é unha constante en todo o país, o desemprego feminino é moi superior ao masculino. En Betanzos o número de mulleres no desemprego supera en 108 ao de homes”.

Betanzos, 7 de marzo de 2015. O BNG demandou no Pleno que o Concello aprobe un novo Plan de igualdade despois de que co ano 2014 rematase a vixencia do anterior. Os nacionalistas demandaron que nese plan “se inclúan medidas para acabar coa elevada taxa de desemprego feminino que hai en Betanzos”.

Segundo os datos oficiais da Consellería de traballo do mes de febreiro das 1087 persoas desempregadas no noso Concello, 598 son mulleres fronte a 489 homes. “No noso concello, como é unha constante en todo o país, o desemprego feminino é moi superior ao masculino. En Betanzos o número de mulleres no desemprego supera en 108 ao de homes”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, “pensamos que esta situación merece medidas específicas tanto desde o goberno da Xunta coma do de Betanzos”.

Desde o BNG aseguran que o anterior plan de igualdade, aprobado polo PSOE, foi un documento “propagandístico e non tivo ningún resultado”. “O Concello segue promovendo actos sexistas, non houbo avances na prevención da violencia machista, na administración municipal hai desigualdade salarial entre homes e mulleres coas mesmas responsabilidades e cometidos e o paro feminino na localidade é moi superior ao masculino, nominal e porcentualmente”, relata o voceiro do BNG, Henrique del Río. “O BNG presentou alegacións aos orzamentos para reservar fondos para executar este plan de igualdade e o PSOE negouse, e o resultado está á vista”, engade.

Por este motivo, desde o Bloque propuxeron que se redacte un novo plan de igualdade, “que se faga de xeito participativo e contando coas achegas de asociacións e colectivos”. “Que se dote de fondos e que actúe sobre os problemas reais que teñen que enfrontar as mulleres en Betanzos, a empezar pola desigualdade salarial no Concello ou as medidas que faciliten o acceso da muller a un posto de traballo”, sostén o edil do BNG.

“A situación de desigualdade que viven as mulleres en todo o País, e tamén en Betanzos, viuse acentuada co aumento da precariedade laboral desde comezos da crise” aseguran. Alertan que “diferentes estudos e informes recollen datos sobre o desemprego e as lamentábeis condicións dos traballos que desempeñan as mulleres en Galiza a día de hoxe, así como o elevadísimo número, sobre todo de mozas, que se viron obrigadas a abandonaren o noso país na procura dun futuro mellor”.

Por este motivo, desde o BNG tamén demandaron que o Concello pida á Xunta que cumpra coa súa promesa dun plan de emprego feminino para atallar as elevadas cifras de desemprego. “De pouco vale facer declaracións rimbombantes o 8 de marzo en prol da igualdade mentres se recurtan os fondos dos programas dirixidos a evitar que as mulleres teñan que traballar 80 días máis que os homes para percibiren o mesmo soldo” concluíu Del Río.

O BNG pediu no Pleno medidas contra o desemprego feminino