O BNG oponse á suba das matrículas na escola infantil municipal que propón o goberno do PSOE
Non se pode dicir unha cousa en xaneiro e outra agora, afirmou o edil nacionalista para cuestionar a incoherencia do goberno local do PSOE.
Betanzos, 27 de xuño de 2012. O BNG manifestou onte no Pleno a súa oposición á suba das matrículas na escola infantil municipal que propuxo o goberno local do PSOE para aplicar o vindeiro curso escolar. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, recordou que o goberno local criticou a suba de taxas nas escolas infantís da Xunta no Pleno de xaneiro, cando se debatía unha moción do BNG sobre este asunto, e que sen embargo onte propuña aplicar as mesmas subas que aprobou o goberno galego do PP.
Non se pode dicir unha cousa en xaneiro e outra agora, afirmou o edil nacionalista para cuestionar a incoherencia do goberno local do PSOE. Menos mal que a ninguén lle resulta xa críbel que o PSOE vai facer unha política distinta á do PP vendo exemplos como este, abundou.
Concretamente, os nacionalistas denuncian que o goberno local do PSOE propón subir de 110 a 160 euros a asistencia ás aulas, o comedor pasa de 30 a 70 euros, o uso esporádico do servizo de comedor duplica o seu custo e o custo da hora adicional de docencia pasa de 13,75 a 20 euros. Unhas subas que complican moito a conciliación da vida laboral e familiar que pregoa o plan de igualdade do PSOE, que novamente se incumpre, denuncian desde o BNG. Aínda cos descontos previstos, a asistencia á escola infantil municipal custaralle o mesmo a unha familia que ingrese 1064 euros ao mes que a unha que ingrese máis de 3000 euros indica o voceiro nacionalista, que retou ao goberno do PSOE a explicar se ve xusto isto.
O PSOE quere subir de 110 a 160 as aulas e de 30 a 70 euros o comedor
O BNG advertiu no Pleno, contra o indicado polo PSOE, que a suba de taxas aprobada pola Xunta en xaneiro afecta ás escolas infantís que dependen do goberno galego ou do Consorcio de Benestar. A escola infantil de San Francisco é municipal e esta orde non lle afecta, advirten desde o BNG, que cren que o goberno local sube as taxas e bótalle a culpa á Xunta para derivar as súas responsabilidades ao PP. E no caso de que houbese unha orde de axudas da Xunta que invade as competencias municipais, en lugar de tragar con ela o que debe facer o goberno local é recorrela onde procede, concluíu.
O BNG informará ás persoas afectadas pola suba
Por este motivo, os nacionalistas opoñeranse á suba do custo das matrículas na escola infantil que propón o PSOE e iniciarán unha campaña informativa para achegar ás persoas usuarias da mesma esta información.