O BNG négase a participar no partido benéfico que só busca "lavar a cara" a PSOE e PP
Betanzos, 3 de xaneiro de 2014. O BNG non participará mañá no torneo benéfico entre partidos políticos organizado polas mocidades do PSOE coa colaboración do Concello. Non temos por norma acudir a onde non se nos convida, explicou o voceiro nacionalista, pero aínda que se nos convidase o BNG non asistiría a un evento que vai na liña de substituír un dereito como os servizos sociais por caridade ou beneficencia.
Os nacionalistas aseguran que nós non imos avalar as políticas que están destruíndo os servizos sociais e que comparten PP e PSOE. Os partidos que defenden un sistema que está creando grandes bolsas de pobreza e problemas, incluso, para a supervivencia das persoas agora pretenden lavar a cara facendo caridade, parécenos vergoñento, explicaron os nacionalistas. Se a intención é realmente axudar e non sacar rédito político non se fai publicamente, con propaganda e a través dos medios de comunicación, explica Henrique del Río.
Desde o BNG aseguran que a alternativa aos recortes e suba de impostos que aproban o PP na Xunta e no Estado e o PSOE no Concello non é a caridade, son as prestacións e servizos públicos. Claro que quen defende a austeridade selectiva contra os que menos teñen non vai mover un dedo por levar adiante políticas alternativas en beneficio das maiorías sociais, engade o portavoz do BNG.
Se a intención é realmente axudar e non sacar rédito político non se fai publicamente, con propaganda e a través dos medios de comunicación
Aínda no Pleno de decembro o PP votou en contra dunha moción do BNG para garantir o subministro eléctrico ás persoas que menos recursos teñen, lembra o nacionalista. E o goberno do PSOE asumiu un decreto da Xunta do PP para subir o copago do servizo de axuda no fogar e empeorar o servizo en vésperas do Nadal para esconderllo á veciñanza, insiste. O PP votou en contra de que unhas cantas prazas do albergue de peregrinos fosen para acoller en inverno persoas sen fogar e PSOE, PP e CxB aprobaron unha ordenanza de limpeza que multa con 100 euros a quen sorprendan buscando comida entre o lixo, engade.
O que están facendo eses partidos aos que non lles treme a man á hora de recortar en servizos sociais, privatizar servizos básicos e impoñer copagos en servizos sanitarios ou asistenciais é pura hipocrisía, insistiron. De ningunha maneira o BNG vai participar en circos deste tipo para lavarlles a cara a PSOE e PP, que agreden durante todo o ano coas súas políticas á maioría social, explican.
PSOE, PP e CxB aprobaron multar con 100 euros a quen busque comida no lixo e agora organizan un bolo benéfico para lavarse a cara e acalar conciencias
A caridade humilla a quen a recibe e xamais altera nin un pouquiño as relacións de poder explican os nacionalistas citando a Galeano. Nós queremos construír un mundo máis xusto e non perpetuar o actual estado das cousas, moi cómodo para algúns, explican. Por iso negámonos a participar neste evento e ao que se ve somos os únicos que non avalamos a política da substitución dos servizos por caridade de PP e PSOE, indican. Todas as outras forzas políticas vese que están de acordo porque non abriron a boca en Betanzos contra estas políticas de PSOE e PP e ademais avalan coa súa presenza estes espectáculos, conclúen.
O BNG valora o traballo das ONG e entidades que traballan nese eido, mais entenden que esta actuación sempre debe ser complementar á que desenvolvan os gobernos creando servizos públicos e garantindo os dereitos da veciñanza e non substituír aos servizos públicos.