O BNG exixiu que a parte de arriba do Liceo, cun Belén todo o ano, poida ser usada pola veciñanza
Este local público podería ter moitos usos, pero está cedido todo o ano sen que se lle aplique o regulamento de uso dos locais sociais nin a ordenanza fiscal de aluguer da aula de cultura ou o salón azul.
Betanzos, 2 de xaneiro de 2014. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que aclare de que forma está feita a cesión da metade da planta alta do Edificio Arquivo, onde está instalado durante todo o ano e desde hai moitos anos un Belén, ocupando a metade da planta superior, nunha superficie similar á da Aula de Cultura.
Os nacionalistas instaron ao executivo local a aclarar se a esta cesión se lle aplicou nalgún momento a taxa de aluguer de salas culturais e se poden cederse instalacións municipais a particulares para uso permanente.
Desde o BNG exixen, ademais, ao goberno do PSOE que aclare se é seguro desde o punto de vista da Protección de Datos, o feito de que un particular teña as chaves do edificio que é sede da administración municipal onde están depositados infinidade de datos sensíbeis da veciñanza.
O Bloque denuncia que en agosto de 2012 preguntou exactamente o mesmo e a resposta do goberno local do PSOE foi que esta instalación leva ocupando ese espazo varios anos e que estudarase un posíbel traslado para dispoñer do espazo. Obviamente, aquí o goberno do PSOE non estudou nada e sigue todo igual, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Este local público podería ter moitos usos, pero está cedido todo o ano sen que se lle aplique o regulamento de uso dos locais sociais nin a ordenanza fiscal de aluguer da aula de cultura ou o salón azul, explicou o voceiro do BNG.
O goberno local do PSOE non garante que toda a veciñanza teña acceso en igualdade de oportunidades aos locais e equipamentos construídos con cartos de todas e todos, asegurou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas insisten en que a actitude irregular do goberno local xera un agravio entre entidades e colectivos ao aplicar o regulamento a uns si e outros non e ten provocado incluso problemas de relación entre a veciñanza.
Son locais que todos e todas mantemos e, polo tanto, todos temos dereito a usalos e para iso están. Non ten sentido investir un montón de cartos nuns locais e que despois non se faga nada para que teñan actividade e queden baleiros ou case sen uso, indicou o voceiro do BNG.