O BNG levará ao Pleno a situación do Hotel e o estacionamento do Complexo San Roque
Aquí o hotel non paga, a ORA non paga, o aparcamento non paga e a concesionaria da auga e o saneamento leva todo o que cobra no recibo á xente.
PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon
Betanzos, 23 de xuño de 2014. O BNG reclamará no Pleno que o goberno local asuma as súas responsabilidades logo de consentir que a concesionaria do hotel e estacionamento Complexo San Roque, ubicado no antigo asilo de Bellavista, non pagase durante anos o que o Concello debía ingresar. Máis unha vez atopámonos con que o PSOE só reclama á empresa que pague logo de que o BNG denuncie os impagos e exixa coñecer unha documentación que non hai, igualiño que pasou coa ORA, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Como xa denunciamos na nosa análise dos orzamentos, o PSOE ademais conta con que isto siga así, engade. Aquí o hotel non paga, a ORA non paga, o aparcamento non paga e a concesionaria da auga e o saneamento leva todo o que cobra no recibo á xente abunda Del Río. Aquí non paga ninguén pero logo á veciñanza o PSOE e o PP súbennos as taxas para que a compensemos esa falta de ingresos. Non se pode seguir permitindo, é indignante, resume.
Aquí o hotel non paga, a ORA non paga, o aparcamento non paga e a concesionaria da auga e o saneamento leva todo o que cobra no recibo á xente
PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon, engadiu o voceiro nacionalista. PP e PSOE compórtanse igual, gobernan en beneficio dos intereses das empresas concesionarias e non dos veciños e veciñas. Eles saberán porqué, criticou Del Río.
Quen sae beneficiado de todo isto?, pregúntanse os nacionalistas. Entendemos que a veciñanza non sae beneficiada porque o Concello non ingresa os cartos que debera para ofrecer servizos, indican. Ademais, aseguran mentres que para as concesionarias o goberno fai a vista gorda, para a veciñanza hai suba de taxas todos os anos.
Desde o BNG recordan que tiveron que reclamar insistentemente que o goberno local informase sobre a situación do hotel logo de coñecer que a Seguridade Social o sacara a poxa por impagos no ano 2012. O goberno do PSOE non informou sobre isto e enterámonos pola prensa da situación deste edificio municipal. É máis, cando se produciu o cambio de empresa que explota o hotel, o goberno local non só estaba ao tanto senón que nolo comunicou nunha reunión da que non levantaron acta nin achegaron documentación aos representantes da veciñanza engaden. Se naquela altura o PSOE tiña toda a información na man e nola transmitiu nesa xuntaza a porta pechada, non sabemos por que agora se fan os sorprendidos, criticou Del Río.
PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon
O BNG recorda que votou en contra desta concesión no seu día. O edificio foi cedido ao Concello para uso cultural ou educativo e o PSOE instalou nel un hotel que nada ten que ver con eses usos, e ademais por un canon ridículo, explican. Aseguran que esta concesión, como a ORA, é a mostra dos negocios ruinosos en que o PSOE meteu a Betanzos e cuxos platos rotos paga agora a veciñanza.
O voceiro nacionalista exixiu ao goberno local de novo unha explicación sobre os ingresos das diferentes concesionarias do Concello. O goberno local ten que explicarnos que vai facer coas empresas concesionarias que non supoñen ingreso ningún para o concello, porque non nos parece normal que un concello como Betanzos só pretenda ingresar neste ano 3000 euros por todas as concesións. O aparcamento do Campo, a ORA, o hotel ou Aquagest non supoñen beneficio ningún para Betanzos? Porque se manteñen estes contratos daquela?, concluíu o voceiro do BNG.