O BNG reclama ao goberno local que faga publicas as contas do ano pasado
É demasiada casualidade que en pleno debate sobre os orzamentos para o 2014 o PSOE oculte o documento que amosa como e canto gastou en 2013.
Betanzos, 18 de xuño de 2014. O BNG cuestionou que o goberno do PSOE esconda a conta xeral do 2013. É demasiada casualidade que en pleno debate sobre os orzamentos para o 2014 o PSOE oculte o documento que amosa como e canto gastou o ano anterior, ironiza o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas recordan que a conta xeral tiña que ter sido presentada polo goberno local antes do 1 de xuño na comisión especial de contas. Para o BNG, é normal que o PSOE queira esconder o documento que evidencia que hai servizos privatizados de tapadillo que o Concello está pagando.
Ademais, desde o BNG recordan que en anteriores anos a conta xeral permitiu demostrar que o gasto en festexos, propaganda ou protocolo foi moi superior ás cifras reducidas que se puxeron no orzamento. Do mesmo xeito, recordan que a comparativa entre o orzamento de 2012 e a conta xeral do ano anterior permitiu poñer en evidencia as mentiras do PSOE sobre o presunto incremento dos fondos para bolsas de material escolar.
A conta xeral pode botar por terra moita propaganda do PSOE, e como non queren que a xente se entere, tentan esconder os números, explica Del Río. É a práctica habitual do PSOE, gobernar sen ningunha transparencia e totalmente de costas á xente, indica o edil nacionalista.
Neste sentido, recordan que mesmo no proxecto de orzamentos que o PSOE remitiu ao BNG o groso dos cartos concéntranse en partidas de outros gastos que valen absolutamente para todo. Vinculan esta falta de transparencia ao feito de que así estas partidas serven ao PSOE para vender infinidade de favores, tratando de mercar vontades de maneira electoralista cos cartos de todas e todos.