O BNG leva a pleno a súa oposición ao peche da oficina liquidadora do Rexistro

O BNG leva a pleno a súa oposición ao peche da oficina liquidadora do Rexistro

O BNG nunha feira, de reparto

“Trátase dunha medida que vai claramente en contra do proceso de comarcalización dos servizos e do equilibrio territorial e que en toda Galiza traducirase na perda de 150 postos de traballo cualificados e asentados en contornos sensíbeis como o medio rural”.

Betanzos, 16 de xuño de 2012. O BNG presentou para o seu debate no vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta a desistir da súa intención de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través do Rexistro da Propiedade de Betanzos. Segundo denuncian os edís nacionalistas, a Xunta do PP decidiu non renovar os convenios para manter as oficinas liquidadoras, co que a partir do vindeiro 31 de decembro as taxas que recadan deberán ser abonadas na tesouraría da Xunta na Coruña.

“Esta actuación supón un novo golpe do goberno do PP á poboación que vive fóra dos grandes núcleos urbanos da nosa nación pois trátase dunha medida que priva de servizos cos que viñan contando as persoas que viven en vilas e aldeas do rural”, aseguraron Henrique del Río e María Otero.

“Trátase dunha medida que vai claramente en contra do proceso de comarcalización dos servizos e do equilibrio territorial” advirten os nacionalistas. “Esta medida demostra o nulo interese do PP polo mantemento de poboación e actividade económica nas cabeceiras de comarca, nas vilas e nas aldeas, e o exercicio dunha política que priva á xente destes lugares de máis servizos, incrementando a súa dependencia das grandes cidades” explican na exposición de motivos os edís do BNG.

“Esta nova medida do PP vai motivar a perda de arredor 150 postos de traballo en Galiza, postos de traballo cualificados e asentados en contornos sensíbeis como o medio rural, baixo o pretexto do aforro e a austeridade” engaden Del Río e Otero.

Reparto na feira da proposta de Banca Pública Galega

O BNG repartiu esta mañá información sobre a súa proposta de Banca Pública Galega na feira de Betanzos. No reparto participaron concelleiros, cargos orgánicos e militantes do BNG de toda a comarca e serviu para anunciar o acto público sobre a Banca Pública Galega que celebrará o BNG o vindeiro mércores 20 no Salón Azul do Liceo. A partir das 20:30 h María Otero, Henrique del Río e Carlos Aymerich, voceiro de economía do BNG no Parlamento de Galiza, detallarán a proposta.

O BNG leva a pleno a súa oposición ao peche da oficina liquidadora do Rexistro