O BNG leva a Pleno a seguridade viaria na Angustia
Presentou tamén unha moción na que se solicita instar á Xunta para que se limiten as comisións bancarias e se poña fin aos “cobros abusivos” que se producen na actualidade. Os nacionalistas recorreron esta mañá a convocatoria irregular da comisión de contas.
Presentou tamén unha moción na que se solicita instar á Xunta para que se limiten as comisións bancarias e se poña fin aos “cobros abusivos” que se producen na actualidade. Os nacionalistas recorreron esta mañá a convocatoria irregular da comisión de contas.
Betanzos, 29 de agosto de 2011. O BNG presentou para o seu debate no Pleno unha moción na que se insta ao goberno local a reclamar maiores cotas de seguridade viaria na N-VI ao seu paso pola Angustia. A iniciativa dos nacionalistas chega despois de que o Ministerio de Fomento declinase mellorar o entorno da N-VI. O departamento que dirixe o vicesecretario xeral do PSOE tardou un ano en responder á iniciativa do portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que levou ás Cortes as demandas da veciñanza da Angustia.
O BNG presentou tamén unha moción na que se solicita instar á Xunta para que se limiten as comisións bancarias e se poña fin aos “cobros abusivos” que se producen na actualidade. O BNG solicita ao goberno galego que, á súa vez, inste ao do Estado a impedir que “nesta situación de crise se produzan aumentos nas comisións que cobran as entidades financeiras”. Ademais, segundo o BNG é necesario realizar “unha supervisión das comisións bancarias establecendo límites máximos en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custe real dos servizos prestados” e mais obrigar nesta situación ás entidades bancarias a que “ofrezan de forma transparente as comisións que cobran polos distintos servizos prestados”.
Os concelleiros do BNG Henrique del Río e Xosé Vales lembran na exposición de motivos da moción que nesta época de crise económica, as comisións bancarias experimentaron unha forte subida, ao mesmo tempo que as entidades bancarias seguen acumulando beneficios que só no primeiro trimestre deste ano ascenderon a 3.174 millóns de euros.
Recurso contra a convocatoria irregular da comisión de contas
Esta mañá o portavoz de economía do BNG, Xosé Vales, rexistrou un recurso contra a convocatoria irregular da comisión de contas que ten que ditaminar a conta xeral do Concello de Betanzos do pasado 2010. Ao igual que fixera o goberno do PP, o executivo do PSOE incumpriu o prazo legal de entregar a documentación con 15 días de antelación á celebración da xuntanza. Con este “vicio”, segundo advirte Vales no seu escrito, o goberno de Ramón García vulnera “os dereitos dos concelleiros, e por ende da veciñanza por eles representada” e estaría “obstaculizando o cumprimento das obrigas inherentes ao cargo de concelleiro”.
Xosé Vales lembra que por circunstancias similares o BNG rexistrou senllos recursos contra as convocatorias irregulares das comisións de contas para avaliar as contas xerais de 2007 e 2008. Naquel momento era o goberno do PP o responsábel da convocatoria irregular da comisión, un comportamento que segundo Vales reitera agora o goberno do PSOE.