O BNG leva a Pleno a reposición do camiño do Penso
Os nacionalistas tamén propoñen unha campaña de concienciación sobre os valores da festa dos Caneiros e unha limpeza a fondo do camiño que leva ao campo.
Os nacionalistas tamén propoñen unha campaña de concienciación sobre os valores da festa dos Caneiros e unha limpeza a fondo do camiño que leva ao campo.
Betanzos, 22 de xullo de 2011. O BNG presentará no Pleno do vindeiro martes unha moción na que se insta ao goberno local a iniciar os trámites para poñer a disposición do goberno central os terreos necesarios para a reposición do camiño do Penso. A proposta ven logo de que o Ministerio de Medio Ambiente indicase ao BNG nunha resposta no Congreso que agardaba a que o Concello dispuxera os terreos para reparar o camiño, que leva impracticábel desde 2004.
Os nacionalistas tamén propoñerán levar adiante unha campaña de sensibilización sobre a festa dos Caneiros e o coidado do río “incidindo nos valores ambientais e culturais que encerran”. Os nacionalistas entenden que esta campaña debe estar “ben focalizada e orientada para cambiar conductas e facer pedagoxía social”, polo que suxiren que “trascenda amplamente as desenvolvidas até o de agora polos sucesivos gobernos locais”. De igual forma, o BNG demanda un esforzo na limpeza do camiño aos Caneiros e as beiras do Mandeo, tanto dentro do termo municipal de Betanzos como dixiríndose “ao Concello de Coirós e outras administracións para que río e camiño non estean todo o ano co lixo orixinado os días da festa”.
Del Río: ““Cometer un erro e non corrixilo é cometer un erro maior”
O BNG saíu ao paso das manifestacións do goberno local sobre a solicitude de paralización dun proceso selectivo. Os nacionalistas lamentan que o goberno do PSOE siga a manter que o proceso é impecábel. “O goberno afirma nun comunicado que as bases foron publicadas na web cando aínda a día de hoxe non o están” indica o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río. Desde o BNG censuran “que o goberno do PSOE minta dunha forma tan descarada” para tratar de xustificar a súa actuación neste asunto.
Os nacionalistas insisten en que as bases do proceso están incompletas e que a convocatoria feita polo goberno de Ramón García incumpre as propias bases que rixen o proceso. “Cometer un erro e non corrixilo é cometer un erro maior” indica o líder nacionalista.