O BNG leva a Pleno as queixas da veciñanza sobre a limpeza de varias rúas escalonadas
Os nacionalistas reclamaron ao goberno local que mellore a limpeza viaria e, cando menos, responda ás queixas da veciñanza cando as fai por escrito
Betanzos, 30 de xaneiro de 2015. O BNG trasladou ao Pleno o malestar da veciñanza de Saavedra Meneses pola falta de limpeza no camiño escalonado que une a rúa coa aldea de Caraña de Abaixo. Segundo os nacionalistas, varias persoas terían trasladado esta situación ao goberno local, a pesar do que o camiño continúa sen limpar.
O verdín e o mofo que invade o camiño ten provocado incluso algunha caída, advertiu Henrique del Río, voceiro do BNG, facéndose eco das queixas veciñais. Esta falta de limpeza repítese tamén, segundo a veciñanza, na escaleira que une Os Ánxeles co Cruz Verde, que presenta o pavimento esvaradío a causa do verdín que acumula. Outro tanto poderiamos dicir das travesías da rúa Travesa e outras rúas do Casco Histórico, explicou o edil nacionalista.
Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno local que se dea resposta a estas demandas veciñais e se acometa a limpeza destas vías para garantir a seguridade dos peóns. No servizo de limpeza en concreto o goberno do PSOE leva todo o mandato prometendo melloras, cando a realidade é que a limpeza viaria segue sendo insuficiente e recollemos continuas queixas da veciñanza por este servizo, criticou o concelleiro nacionalista.
Ademais, desde o BNG pediron ao goberno local que explique por que nin sequera se lles responde cando fan estas reclamacións por escrito. Non nos parece que sexa precisamente a forma de responder ás demandas da veciñanza, lamentou Del Río.