O BNG leva a Pleno a falta de colaboración do goberno cos clubes deportivos
Para evadir a súa responsabilidade, o goberno do PSOE enganou aos clubes deportivos dicíndolles que non se lles pode achegar ningunha axuda mentres non estean aprobados os orzamentos.
Betanzos, 29 de xuño de 2012. O BNG preguntou no Pleno polos motivos polos que o goberno local non achegou ningún tipo de colaboración económica aos clubes federados da cidade. Segundo explicaron os nacionalistas, rematou a tempada e os clubes seguen pendentes de algún tipo de colaboración por parte do goberno local do PSOE. Por este motivo, dado que existen varias vías legais para achegarlles aos clubes unha colaboración económica o BNG exixiu ao executivo local prazos concretos para solucionar este problema, no Pleno celebrado o pasado martes.
Os nacionalistas mantiveron recentemente un encontro coas directivas do Clube de Piragüismo Ría de Betanzos, Troula Betanzos Fútbol Sala, Santo Domingo Betanzos de Baloncesto e Betanzos Club de Fútbol para explicarlles o marco de subvencións que propón o BNG. Unha liña de axudas específica para as entidades deportivas da cidade, con criterios obxectivos e ás que todos os clubes poidan concorrer en igualdade de oportunidades, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Se o PSOE aprobou un convenio con Cáritas en novembro, podía ter feito o mesmo cos clubes deportivos, se modificou o orzamento para outras cousas, tamén se pode modificar para dotar de fondos unha convocatoria de axudas para os clubes
Ademais, o BNG comprometeuse cos clubes a trasladar ao Pleno a falta de colaboración económica do goberno local. Para evadir a súa responsabilidade, o goberno do PSOE enganou aos clubes deportivos dicíndolles que non se lles pode achegar ningunha axuda mentres non estean aprobados os orzamentos censuran desde o BNG. Se se lle aprobou un convenio a Cáritas en novembro, podíase ter feito o mesmo cos clubes deportivos, se se modifica o orzamento para outras cousas, tamén se pode modificar para dotar de fondos unha convocatoria de axudas para os clubes, apunta o voceiro nacionalista. Se o goberno local non o fai, será porque ten outras prioridades, zanxa.
Hai aínda outra opción: dado que o PSOE comparte a mesma política clientelar no reparto de fondos públicos que o PP, que se poña de acordo coa dereita para sacar adiante o orzamento, indican desde o BNG. Denuncian que os clubes manifestaron que antes das eleccións municipais o PP prometeulles que recibirían subvencións sen ningún tipo de concurso público por cantidades que logo quedaron en nada.
Esta situación, segundo trasladaron os clubes ao BNG, provócalles un grave prexuízo xa que comprometeron gastos contando con estas cantidades. A solución para isto pasa por unha convocatoria pública de axudas anual que non dependa do afán clientelar do alcalde de turno, indican.