O BNG leva a Pleno o decreto sobre os mercados de horta polo seu impacto nos mercados tradicionais
Os nacionalistas desenvolverán unha campaña para informar das novas condicións impostas pola Xunta aos vendedores nos mercados da comarca.
Betanzos, 24 de outubro de 2014. O BNG cuestionou que a Xunta aprobase un decreto para regular a venda directa de produtos de horta que non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade, segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Por este motivo, pedirán do Pleno que se reclame á Xunta que revise a norma para incluír medidas específicas en beneficio do sector.
Os poderes públicos deben facilitar a comercialización dos produtos de horta en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica explican desde o BNG. De feito, propuxemos realizar mercados temáticos de tempada e de agricultura ecolóxica no entorno da Pescadería e o goberno local, como sempre, nada fixo por sacar adiante un acordo que apoiou, engade Del Río.
Betanzos celebra mercado de produtos de horta tres días á semana e feira dúas veces ao mes e o impacto na economía local, directa e indirectamente, é importante, explicou o edil do BNG. Por este motivo, os nacionalistas cuestionan que o decreto aprobado pola Xunta non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade.
Neste sentido, o BNG considera imprescindíbel desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos, degustacións, etc). A Xunta e o Concello deberían colaborar para desenvolver ferramentas para a venda na propia explotación ou online e traballar na promoción deste tipo de comercialización engaden os nacionalistas.
Este decreto, e as súas consecuencias, virían golpear de cheo o mercado que na nosa cidade se celebra martes, xoves e sábados e tamén as feiras quincenais advirten desde o BNG, que insiste en que moitos pequenos produtores acoden a vender o excedente das súas plantacións para equilibrar as súas economías domésticas e a Xunta só lles pon atrancos con esta normativa.
Dentro das medidas de apoio ao sector que o BNG demanda están tanto garantir as mellores condicións de traballo para as persoas produtoras e conseguir unha produción respectuosa co ambiente e a saúde como introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc).
Os nacionalistas demandan da Xunta, ademais, que facilite superficie agraria ás persoas que queiran producir alimentos e estabelecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva así como medidas de estímulo fiscal e liñas de axuda para poder identificar estes produtos baixo unha marca de calidade específica para os produtos de horta, a desenvolver en consenso co sector.