O BNG leva a Pleno a auga avolta da traída municipal
Mentres se sube o prezo da auga para que a concesionaria siga facendo negocio, a auga sae avolta un mes antes das primeiras chuvias do outono o goberno local mira para outro lado e busca excusas para desculpar as deficiencias do servizo.
Betanzos, 30 de outubro de 2013. O BNG exixiu no Pleno explicacións ao goberno local polo aspecto que ofrece a auga do servizo municipal da traída desde hai máis dun mes. Os nacionalistas lembraron que o pasado 18 de outubro, nun xornal aparecía a nova de que a concesionaria do servizo de auga recomendara a un veciño da rúa Noás non consumir a auga que saía da billa.
A concelleira María Otero recordou que a citada información que non foi rectificada polo goberno local, aseguraba que a concesionaria garantía a calidade da auga ao Concello. Desde o BNG pregúntanse como se a concesionaria recomenda non consumir a auga da billa, como pode ser que garanta a calidade da mesma.
Desde o BNG recordaron que a auga da traída municipal ofrecía un aspecto similar ao chocolate xa desde antes de que caeran as primeiras chuvias do outono e exixen do goberno do PSOE unha explicación seria por este feito. Realmente cren o que dixeron a pasada semana de que unha tala revolveu todo o Mendo, como se fose a primeira vez que se tala un monte na bacía do Mendo, interpelaron ao goberno do PSOE.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, recordou que o goberno local do PSOE subiu a taxa da traída o pasado ano para que a concesionaria non vise reducido o seu marxe de beneficios. Mentres se sube o prezo da auga para que a concesionaria siga facendo negocio, a auga sae avolta un mes antes das primeiras chuvias do outono, resumiu, e o goberno local mira para outro lado e busca excusas para desculpar as deficiencias do servizo. Que intereses está a defender o PSOE neste asunto? pregúntase.
O BNG lamenta que o PP critique sen ofrecer alternativas
O BNG lamentou onte no Pleno que o PP faga unha crítica por criticar e non ofreza propostas alternativas. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, recriminou aos conservadores que utilizasen como excusa a proposta nacionalista de crear bolsas de estudos para o conservatorio para criticar novamente a taxa do Conservatorio proposta polo goberno do PSOE.
O PP non ten ningunha proposta, quédase na crítica para mallar no PSOE asegurou. Nós propuxemos facer realmente progresiva a taxa do conservatorio e comarcalizalo, que propón o PP? quixo saber. Fusionar todos os concellos da comarca?, ironizou. Porque criticar a falta de iniciativa do PSOE é moi doado, pero a xente agradece que se dean alternativas, asegurou.
Por toda proposta o PP reitera mocións que xa trouxo máis veces ao Pleno e fai teatro co comedor escolar cando o PP desde a Xunta está a cobrar por este servizo que antes era gratuíto denunciou. Pretender reducir o debate político do Concello a reiterar obviedades sobre a seguridade viaria ou o amoblamento do pavillón é reducir a política local a unha comedia, conclúen.