O BNG leva ao Parlamento a antena de Viraventos
O BNG lamentou a falta de coherencia do PSOE ao expulsar á veciñanza afectada pola antena do Pleno celebrado onte.
Betanzos, 30 de xaneiro de 2013. O BNG reclamou no Parlamento de Galiza que a Xunta tome medidas para repor a legalidade urbanística, ambiental e industrial incumprida na construción da antena de Viraventos. Os deputados Francisco Jorquera e Carlos Aymerich recordan que a pesar das denuncias dos veciños e do BNG de Betanzos, o goberno municipal decidiu legalizar a posteriori as obras de instalación dunha antena de telefonía móbil nunha parcela rústica do lugar de Viraventos que comezaran sen licenza municipal.
Parece claro que a instalación dunha antena de telefonía está suxeita ao procedemento de incidencia ambiental regulado no Decreto 133/2008 indican os deputados do BNG na súa iniciativa. Este mesmo argumento foi invocado polo voceiro municipal dos nacionalistas, Henrique del Río, para reclamar que o goberno local seguira as indicacións do Valedor do Pobo e exixise da Xunta o informe de avaliación ambiental aínda que o PP na Xunta negue que sexa necesario.
Jorquera e Aymerich insisten en que o goberno municipal de Betanzos tentase subsanar a ilegalidade urbanística cometida coa posterior concesión dunha licenza (e sen incoar o correspondente expediente sancionador) e aseguran que non consta que a antena conte coa licenza de actividade exixida polo RD 1066/2001. Por este motivo, nunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, o BNG reclama da Xunta de Galiza que tome medidas para repoñer a legalidade no lugar.
O BNG condena que o alcalde expulse do Pleno á veciñanza afectada
O BNG lamentou a falta de coherencia do PSOE ao expulsar á veciñanza afectada pola antena do Pleno celebrado onte. A ver como lle explica vostede a Pachi Vázquez que mentres el protesta porque no Parlamento o PP bota ao pobo aquí vostede fai o mesmo ironizou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Non valen de nada declaracións de solidariedade con este tipo de actitudes, criticou.
Os nacionalistas denunciaron no Pleno que o goberno local do PSOE non deu ningún paso para redactar a ordenanza reguladora da instalación de antenas que o Pleno aprobou o pasado mes. Deben estar agardando a que este problema se dea noutro lugar do Concello para facer outra declaración de solidariedade e seguir sen solucionar o problema, ironizou.