O BNG lanza unha campaña para explicar a situación da ORA
Botar sete anos permitindo que unha empresa cobre por aparcar nas nosas rúas sen pagarlle nada ao Concello é o suficientemente grave como para que o goberno local dea unha explicación á veciñanza.
Betanzos, 16 de abril de 2014. O BNG presentou unha campaña para informar á veciñanza da situación en que se atopa a ORA, a zona azul de estacionamento de pago. Os nacionalistas acordaron dar este paso despois de que o goberno local do PSOE impedise que a moción para suprimir a zona azul da ORA fose debatida e votada no último Pleno.
No Pleno de febreiro decidiron deixar o asunto encima da mesa para pedir un informe, pero o informe do secretario está feito desde o 14 de marzo e a pesar diso o PSOE non permitiu que se votase no Pleno a nosa moción explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Segundo o edil, botar sete anos permitindo que unha empresa cobre por aparcar nas nosas rúas sen pagarlle nada ao Concello é o suficientemente grave como para que o goberno local dea unha explicación á veciñanza.
Os nacionalistas lembran que o contrato da ORA, asinado en 2001 establecía unha duración de cinco anos, e a posibilidade de prorrogalo de xeito tácito anualmente despois. A Lei de Contratos prohibe expresamente as prórrogas tácitas de contratos, e como o Pleno non prorrogou o contrato, non haberá contrato, explica o edil nacionalista.
A veciñanza estivo como mínimo 7 anos pagando para enriquecer a unha empresa privada e os sucesivos gobernos do PP e do PSOE nunca se preocuparon do tema. No único momento en que o goberno local empeza a actuar neste tema é cando o BNG empeza a denunciar a situación, criticou Del Río. De feito, toda a documentación que hai no Concello desde o ano 2004 é posterior ás nosas denuncias públicas das irregularidades deste contrato engadiu.
A empresa concesionaria entregou parte da documentación xusto o día despois do Pleno no que o BNG pediu que se derrogara a ordenanza da ORA, indicou Del Río, e nesa documentación alegan que tiveron perdas todos os anos desde o 2007 e por iso non liquidaron co Concello. As explicacións que o goberno local do PSOE dá sobre este tema déixannos aínda máis asombrados. Un contrato que ven sendo incumprido durante 7 anos, mantense e a única explicación que dan é que segundo un informe do secretario isto é legal, criticou Del Río, desde logo o que non entendemos é que intereses defenderon o PP e o PSOE durante todos estes anos.
O BNG considera que o goberno do PSOE está a ter en todo este tema unha actitude moi sospeitosa. Négannos durante vinte días acceso a un expediente que construíron cando pedimos a información sobre a ORA, cousa que xa está a investigar o Valedor do Pobo, e néganse a incluír no Pleno a nosa moción, relata Del Río. En lugar de actuar con lealdade á veciñanza explicándoo todo con luz e taquígrafos, o PSOE opta por xogar ao despiste, esconder o expediente e secuestrar a opinión do Bloque, engade. Se estivesen defendendo os intereses da veciñanza non terían que botar man de tantas tretas, asegura.
Non imos ser cómplices por omisión deste comportamento do PSOE e faremos o que sexa necesario para conseguir defender os intereses da nosa veciñanza no tema da ORA, e o primeiro é explicarlle lealmente o que hai, explica Del Río. Parécenos que non podemos consentir que o goberno local siga facendo política para beneficiar a unha empresa privada a costa dos intereses de todos e todas e sen gardar sequera as mínimas formas democráticas conclúe o edil do BNG.
A primeira medida desta campaña foi unha acción simbólica de denuncia colocando sobre os expendedores da ORA o lema da campaña, #fóracoaora. Este mesmo lema é un hastag co que os nacionalistas pretenden levar a campaña tamén ás redes sociais.