O BNG traslada de novo ao Pleno a situación da ORA despois de 10 meses sen que o goberno actuara
Cantos tickets levan contabilizados até o de agora? Onde se están a contar? Que persoal municipal o está a facer? Cando estiman finalizar este reconto?
Betanzos, 23 de decembro de 2014. O BNG trasladou de novo ao Pleno a situación en que se encontra a concesión da ORA e preguntou no Pleno polo reconto dos tiquets. En febreiro e abril o Pleno debatiu unha moción do BNG para suprimir a ORA dado que non ingresa nada ao Concello desde hai anos. A empresa concesionaria non ingresou un só euro no concello desde hai 7 anos e o concello non fai nada para obrigarlle a pagar. Se fose un veciño xa lle terían embargado a conta, criticou Henrique del Río, portavoz do BNG.
A postura do goberno local para manter a situación actual foi afirmar que os técnicos municipais estaban contando un por un os tíckets da ORA para coñecer a recadación efectiva e tomar decisións lembra o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Sen embargo van dez meses desde que denunciamos a situación desta concesión e non se adoptou ningún tipo de medida para corrixila, engade.
Cantos tickets levan contabilizados até o de agora? preguntou con retranca o edil do BNG ao goberno local. Onde se están a contar? Que persoal municipal o está a facer? Cando estiman finalizar este reconto? proseguiu.
Levan un ano contando tickets e mentres a empresa segue sen pagar... teñen pensado contratar persoal ou pagar horas extras para finalizar esta contabilización ou pensan seguir mantendo esta situación até o final de lexislatura? interpelou o voceiro nacionalista.
É lóxico que o goberno local non queira dar nin chío sobre a ORA, asegurou o voceiro do BNG. O problema xa non é que o expediente que non existira levamos o tema a Pleno en febreiro, porque todos os papeis que figuran nel teñen data posterior ao Pleno, indicou Del Río. O maior problema é que queren tomar por parva á xente pretendendo facer crer que unha empresa que rematou un contrato o prorroga a pesar de que di que perde 20 000 euros ao ano cuestionou.
Non entendemos que o goberno do PSOE manteña esta situación, que a veciñanza siga pagando cada vez que aparca na zona azul e non vai nada para o Concello lamentou. E non entendemos que o goberno local se resista a tomar inmediatamente as medidas necesarias para impedir que a concesionaria siga cobrando sen contrato en concepto de ORA, engaden desde o BNG. A veciñanza merece unha explicación pública por parte do goberno sobre todo isto, advertiu Del Río para exixir que o goberno explicase publicamente o asunto.
Os nacionalistas insisten en que a supresión da ORA sería unha medida beneficiosa para o pequeno comercio xa que mentres que as grandes superficies dan estacionamento gratuíto, para vir mercar a Betanzos hai que pagar por aparcar.