O BNG lamenta que PSOE e PP abran a porta á privatización da limpeza do Vales Villamarín
O Concello pode contratar persoal directamente porque ten cartos para iso no orzamento e a limpeza é un servizo básico.
As privatizacións provacan clientelismo e corruptelas ademais de dar un servizo peor e máis caro
Betanzos, 28 de maio de 2014. O BNG lamentou que no Pleno de onte PSOE e PP abrisen a porta á privatización do servizo municipal de limpeza no CEIP Vales Villamarín. Non é indiferente se limpa o colexio unha empresa privada ou se o fai persoal municipal como até agora, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Dar entrada á empresa privada no servizo municipal de limpeza significa, ademais, que se abre a porta ao despedimento do persoal laboral municipal, explicou. Xa sabemos, por experiencia en outros servizos privatizados como a escola infantil da Xunta, que coa privatización empeoran as condicións laborais do persoal e diminúen os salarios, abundou.
O Concello pode contratar persoal directamente porque ten cartos para iso no orzamento e a limpeza é un servizo básico
A moción do PP sobre a limpeza do colexio fala directamente de contratar unha empresa privada, como así recoñeceu a voceira do PP cando llo preguntamos no Pleno e o BNG non pasa por iso, engadiu o portavoz nacionalista. No orzamento vixente están creadas as prazas e hai cartos para elas, e a lei permite cubrir as baixas en servizos básicos, engadiu Del Río. E se a limpeza do colexio non é un servizo básico dos concellos a ver cal é, ironizou. Por este motivo, os nacionalistas xa presentaran unha moción no Pleno para cubrir as vacantes que hai actualmente no servizo con persoal municipal.
O público é servizo, o privado é beneficio para uns poucos, recordou o edil nacionalista. Este beneficio para uns poucos é o que provoca o clientelismo e os escándalos de corruptelas que estamos vendo todos os días e q PP e PSOE non se preocupan por atallar, como vemos en Betanzos, engadiu.
As privatizacións provacan clientelismo e corruptelas ademais de dar un servizo peor e máis caro
Por este motivo, os nacionalistas lamentan que PSOE e PP armen unha comedia para escenificar unhas diferencias que en realidade non existen xa que defenden os dous a privatización dos servizos municipais para darllo a empresas amigas. A ver cando se fusionan e nos aforran este teatro, ironizou Del Río.
Desde o BNG cuestionan que o goberno local do PSOE teime en soster a mentira de que está prohibido pola lei contratar persoal. O que a lei impide é subir o gasto en persoal e só permite contratrar en servizos básicos, como a limpeza, puntualiza Del Río. Ademais, hoxe mesmo, logo de que o PSOE de Betanzos dixese que era imposíbel contratar máis persoal sae nos medios o PSOE de Arteixo pedindo que se contrate máis persoal, a ver se se aclaran polo menos entre eles, engadiu.