O BNG lamenta que o PSOE escolla a veciñanza coa que dialogar sobre o trafico no Casco Histórico
O BNG reclama que o PSOE non explique publicamente cal é exactamente o plan que teñen para o Casco Histórico e convoque a comisión de tráfico para tratar este asunto.
Betanzos, 26 de febreiro de 2014. O BNG interpelou ao goberno local do PSOE sobre a xuntanza que convocou para mañá para falar sobre o tráfico no Casco Histórico. O goberno local convocou a algunhas persoas que residen ou teñen os seus negocios no Casco Histórico para falar da ordenación do tráfico, pero sabemos que hai outros moitos veciños, veciñas e negocios da zona monumental que ficaron excluídos da convocatoria do goberno explican.
Os nacionalistas aseguran que eles mesmos, que teñen a sede no Casco Histórico, están entre os veciños e veciñas excluídos polo PSOE destas conversas. Por este motivo, a nacionalista María Otero reclamou saber a que se debe esta discriminación e que criterios utiliza o PSOE para convocar ou vetar veciñanza nestas conversas.
Para que a participación veciñal sexa real o PSOE non pode escoller ao seu gusto os interlocutores, terá que organizar xuntanzas abertas a toda a veciñanza para debatir sobre o tráfico no Casco Histórico
Desde o BNG lamentan que o PSOE non explique publicamente cal é exactamente o plan que teñen para o Casco Histórico e evite convocar a comisión de tráfico para tratar este asunto.
O que non pode ser é que a principio de mes o PSOE anuncie conversas sobre este asunto e que logo resulte que son só coa xente que o PSOE escolle, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Para que a participación veciñal sexa real o PSOE non pode escoller ao seu gusto os interlocutores, o goberno local terá que organizar xuntanzas abertas a toda a veciñanza para debatir sobre o tráfico no Casco Histórico, explica. Equivocámonos ao celebrar moi pronto un cambio de formas do PSOE que desgrazadamente non se deu, lamenta o edil do BNG.
O BNG volve a reclamar que se repoña o banco en torno ao magnolio de Lanzós
O BNG tamén ironizou onte co banco da praza de Lanzós que ían repoñer e segue sen estar. En outubro de 2013 os nacionalistas demandaron que se repuxese o banco en torno ao magnolio centenario desta praza do Casco Histórico, sorprendentemente retirado polo goberno local.
En novembro respondéronnos que ían rematar o pavimento en torno á árbore e buscar o mobiliario máis acaído á praza, pero deben de estar agardando por un enxeñeiro da NASA para facer algo tan complicado
Os nacionalistas consideran inexplicábel que se cambiase o banco circular de madeira por catro de forxa sen motivo aparente. Puxeron os bancos metálicos, a xente criticou o cambio e aos dous días desapareceron os bancos, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. A ver se o PSOE se aclara co que quere facer coa praza, engadiu.
O necesario era amañar o chan baixo o magnolio e curiosamente ningunha das veces que o PSOE modificou a praza o fixo, indica Del Río. En novembro respondéronnos que ían rematar o pavimento en torno á árbore e buscar o mobiliario máis acaído á praza, pero deben de estar agardando por un enxeñeiro da NASA para facer algo tan complicado, ironiza o edil nacionalista.