O BNG propón á Plataforma do Aborto para o premio do 8 de marzo
Celebramos que o PSOE por fin cumpra algún dos acordos plenarios que apoia, nomeadamente en temas relacionados cos dereitos das mulleres e colocase a faixa no balcón do Concello.
Betanzos, 24 de febreiro de 2014. O BNG propoñerá para o premio Úrsula Meléndez de Texeda á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. O premio outórgase o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para recoñecer o traballo a prol da igualdade. Pola súa loita polo dereito das mulleres a decidir sobre si mesmas, explican os nacionalistas.
Desde o BNG celebran que o goberno local colocase a faixa tal e como acordou o pleno a instancias dos nacionalistas. "O Concello ten que poñerse do lado das súas veciñas", indican. celebramos que o PSOE por fin cumpra algún dos acordos plenarios que apoia, nomeadamente en temas relacionados cos dereitos das mulleres, engadiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Pensamos que é imprescindíbel que o Concello amose o seu apoio a todas as nosas veciñas diante dunha perda de dereitos que nos leva a 30 anos atrás, engadiu. Os Concellos son dos veciños e veciñas e polo tanto deben apoiar as loitas sociais que consideren xustas, máis nun tema tan importante como o dereito das nosas veciñas a decidir por si mesmas, insiste o edil do BNG.
Maternidade por obriga ou por escolla
Dentro da súa campaña polo dereito ao aborto libre e gratuíto, o BNG convidou á toda a veciñanza a participar no videofórum sobre a curta Maternidade por obriga ou por escolla, que contará coa participación da deputada nacionalista Carme Adán. A proxección e debate terán lugar o vindeiro xoves 27 desde as 20:00 h na Libraría Biblos (r/ Santiago).