O BNG insta ao PP a recapacitar no tema do copago farmacéutico
Del Río: Parece mentira que a voceira do PP, médica de profesión, defenda este tipo de medidas inhumanas sen ningún problema ético.
Betanzos, 11 de novembro de 2013. O BNG pediu ao PP que recapacite a súa postura en favor do copago farmacéutico. Os nacionalistas lamentan que o PP quere que os veciños e veciñas con enfermidades crónicas, teñan que pagar polos seus medicamentos.
Con estas políticas o PP está deseñando un auténtico imposto sobre a enfermidade, advertiu o voceiro municipal do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas cuestionan que coas decisións do goberno español haberá saúde para quen poida pagala, e condenan aos que menos teñen ao sufrimento e incluso a morte.
Desde o BNG lamentan que o PP defendese no Pleno durante dous meses o copago farmacéutico que o goberno de Rajoy e de Feijoo queren aplicar no noso país. Parece mentira que a voceira do PP, médica de profesión, defenda este tipo de medidas inhumanas sen ningún problema ético indicou o voceiro do BNG. O goberno central do PP decide deixar sen sanidade gratuíta a unha parte da poboación, o goberno galego do PP consínteo ao non exercer as competencias de Galiza e unha médica, que xurou consagrar a súa vida ao servizo da humanidade e colocar como primeira das súas preocupacións a saúde e vida dos doentes, respaldao, denuncia. Parece que máis que un xuramento hipocrático a señora Faraldo fixo un xuramento hipócrita, ironizan.
O PSOE ten que dar pasos adiante para cumprir a moción do BNG e que asuma o copago o Concello se a Xunta insiste en aplicalo
Os nacionalistas lembran que o PP tamén respaldou a retirada da cobertura sanitaria ás persoas desempregadas de longa duración. Deberían antepoñer o dereito á saúde da veciñanza por riba da obediciencia cega ao goberno de Rajoy, insisten.
Desde o Bloque solicitan tamén ao goberno local do PSOE que dea pasos adiante para cumprir a moción do BNG para que o Concello asuma o copago en todos os casos. Dada a gravidade do asunto e a importancia que ten para a veciñanza, deberían darse a mesma ou máis présa que cando anunciaron que ían cubrilo coa ordenanza de emerxencia social sabendo que era imposível, demandan. O goberno do PSOE debería demostrar con feitos que asume o denominado Espírito de Riotorto e pasar da retórica aos feitos, indican.
O BNG reclamou tamén que a Xunta se faga cargo do comedor escolar e garanta a súa gratuidade
Os nacionalistas reclamaron tamén ao PP que reconsidere a decisión de impoñer o copago nos comedores escolares. Escoiten ás ANPAs que reclaman ao goberno galego que asuma os servizos sociais que emprestan as ANPAS, reclamou Del Río. O goberno galego desenténdese do comedor escolar de Betanzos e dá unha achega modesta para que outros se fagan cargo das súas obrigas, recordou o voceiro nacionalista. Se polo PP é, Betanzos queda sen comedor escolar porque primeiro a ANPA e logo o Concello tiveron que facerse cargo das obrigas da Xunta, indicou. Parécenos bastante reprobabel que solicite ao Concello 15 000 euros mentres a Xunta non se fai cargo dun servizo que lle correspondería xestionar, lamentou.
Na actual crise económica é moi inxusto que a Xunta obrigue ás familias a pagar polo comedor escolar, cando moitas veces non teñen elección, e polos medicamentos, advirten os nacionalistas. Un domicilio no que só entre a axuda familiar de 426 euros ao mes verase obrigado a escoller entre a saúde ou darlle de comer aos seus fillos, denuncian.