O BNG lamenta que “non haxa un peso para Betanzos nos orzamentos do Estado”

O BNG lamenta que “non haxa un peso para Betanzos nos orzamentos do Estado”

Os nacionalistas acusan ao PP de abandonar a Ría e o Casco histórico, que deberán ser os motores da creación de emprego na comarca.

Betanzos, 1 de outubro de 2013. O BNG acusou ao PP de “abandonar á súa sorte” a ría de Betanzos. “A vista dos orzamentos do Estado, é obvio que o PP pretende tronzar a capacidade produtiva da nosa ría” denunciou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Moita festa para declarar a ría Reserva da Biosfera pero á hora da verdade ben se ve que non hai compromiso ningún coa ría”, denuncian os nacionalistas.

“Un ano máis a ría de Betanzos non figura nas contas do PP malia toda a propaganda que fixeron durante anos co tema e a falta de saneamento impide crear emprego tanto en actividades extractivas como turísticas”, indicou. Os nacionalistas lamentan que o goberno central “renuncie a reducir o desemprego na nosa comarca ao negarse a impulsar un dos sectores estratéxicos da nosa economía”.

“Nin sequera son capaces de destinar unha partida ridícula para repoñer o camiño do Penso, que enguliu hai anos o Mandeo”, denuncian. Os nacionalistas recordan “anos de reproches cruzados entre PSOE e PP a costa deste camiño, anuncios electoralistas duns e doutros desde os gobernos que ocupan”. Sen embargo, “xa vai para dez anos que caeu o camiño e uns e outros foron incapaces de resolver unha actuación modesta coma esta”.

Ademais, o grupo municipal do BNG advirte da nula importancia que o Partido Popular lle dá nestes orzamentos á conexión ferroviaria da nosa cidade, tanto co resto do país como na propia área metropolitana. “Nin un euro para un ferrocarril de proximidades, nin un euro para o bypass de Infesta”, resumen. “O PP gástase practicamente todo no AVE mentres desmantela o tren que usa realmente a xente”, indican.

Os nacionalistas aseguran que “a crise veu poñer no seu sitio os delirios do PP de botar unha nova estrada por riba da Acea e outra entre Infesta e a N-VI”. Desde o BNG cuestionan que o PP fixese electoralismo con esta “ocorrencia” mentres deixaba sen atender as verdadeiras necesidades que o Estado ten pendentes, como a seguridade nas estradas N-VI e N-651 ou a recuperación do litoral da Ribeira.

O BNG tamén cuestiona a falta de implicación do goberno central na recuperación do Casco Histórico de Betanzos. “Feijóo comprometeu o respaldo do goberno central á rehabilitación cando a Xunta retirou os seus fondos e agora queda en evidencia que o PP desenténdese por completo da recuperación do Casco Histórico”, lamentan. “Mentres se incrementan os fondos para a Igrexa Católica, vemos como para a xente non hai cartos”, conclúen.

“Desde logo estes orzamentos van ter unha repercusión nula para crear emprego na comarca”, aseguran os nacionalistas. “Aquí só se ve máis do mesmo, e para Betanzos incluso peor que o pasado ano”, asegura Del Río.

O BNG lamenta que “non haxa un peso para Betanzos nos orzamentos do Estado”