O BNG reclama ao PSOE que poña fin ao estacionamento indebido no centro da cidade
Logo de máis de dous anos de anuncios nos medios de comunicación e xuntanzas sobre esta cuestión, o goberno local segue sen solucionar un problema que afecta á vida cotiá e que, ademais, xera prexuízos e un agravio comparativo.
Betanzos, 28 de setembro de 2013. O BNG exixiu no Pleno ao goberno local que tome medidas contra o estacionamento indebido no centro de Betanzos. O estacionamento indebido, sen control e sen ningún tipo de cortapisas, ven sendo unha práctica recorrente e habitual en distintas zonas do centro urbano, explicou a concelleira nacionalista María Otero, dá igual en prazas e rúas peonís como as do Casco Histórico como en dobre fileira ou sobre liñas amarelas atascando o tránsito en rúas estreitas, como se dá a cotío por exemplo nos Ánxeles.
A concelleira do BNG explicou que o pasado domingo, a partir do mediodía a praza do Campo recuperou o estacionamento en superficie que era habitual antes da construción do aparcamento soterrado. O aparcamento na praza do Campo viña sendo privilexio exclusivo de motocicletas en xornadas feriadas para lucro dun grupo de hostaleiros, criticaron os nacionalistas, pero o colmo xa é que se permita o estacionamento de calquera vehículo na praza do Campo ou mesmo na praza da Constitución, en fronte do Concello.
O BNG exixiu ao goberno local que faga cumprir a ordenanza de tráfico e circulación ou que a derrogue. Non é a primeira vez que denunciamos a permisividade absoluta do goberno local con este tema que pode provocar problemas no resto da veciñanza, explicaron, por onde pasaría unha persoa en cadeira de rodas ou un carriño dunha crianza?.
Logo de máis de dous anos de anuncios nos medios de comunicación e xuntanzas sobre esta cuestión, o goberno local segue sen solucionar un problema que afecta á vida cotiá e que, ademais, xera prexuízos e un agravio comparativo con calquera veciño ao que se lle sancionase nalgún momento por prácticas idénticas, concluíron.