O BNG-AA de Betanzos demanda melloras nas ramplas do Mandeo
O Concello negou aos veciños a limpeza do esteiro, argumentando que non é un asunto da súa competencia. Curiosamente, a rampla que utiliza a embarcación municipal sempre está limpa
Betanzos, 2 de xuño de 2016. O BNG trasladou ao Pleno as queixas dos veciños e veciñas que teñen as súas embarcacións no Mandeo polo estado en que se encontran as ramplas.
O grupo nacionalista, a través do seu portavoz Henrique del Río, denunciou o estado das ramplas no Mandeo, nomeadamente a que está preto da ponte de Madeira. Esa rampla está na zona de maior calado e por iso pode ser utilizada na baixamar. Por desgraza, o esteiro acumulado impide o seu uso, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río.
O goberno local é consciente desta situación porque así nolo confirmou a veciñanza, denuncia Henrique del Río. As nacionalistas informan que o Concello lles negou aos veciños a limpeza do esteiro, argumentando que non é un asunto da súa competencia. Curiosamente, a rampla que utiliza a embarcación municipal sempre está limpa, engadiu Del Río.
A veciñanza trasladou tamén as súas queixas porque o goberno local cortou a auga na billa da rampla a carón da ponte de madeira, impedindo así o seu uso polas persoas propietarias das embarcacións.
As nacionalistas trasladaron este conxunto de demandas ao goberno local no último pleno, pedindo que se leven a cabo actuacións concretas e sen maior dilación.