O BNG lamenta que o goberno local utilice unha parcela no centro de Betanzos como vertedoiro
Logo o PSOE manda tres comunicados de prensa dicindo que gastou os cartos dunha subvención en precintar os vertedoiros ilegais que o propio goberno fomenta
Betanzos, 29 de decembro de 2014. O BNG denunciou os vertidos de refugallos, restos de obras e de talas na traseira do parque Pablo Iglesias. Na parte traseira do parque Pablo Iglesias, na parcela onde nalgún momento se proxectara a estación de autobuses, acumúlanse todo tipo de entullos e refugallos, criticou o voceiro nacionalista . Ademais do entullo procedente das obras que se desenvolven en torno ao mosteiro de San Domingos, poden percibirse doadamente restos de obras particulares, algún electrodoméstico e bote de pintura e mesmo restos de podas e follas de árbores procedentes- pola variedade e entidade dos restos- tanto da alameda como da praza do Campo e a Feira Nova, entre outros lugares de titularidade municipal indicou.
Os nacionalistas reclamaron no Pleno que se limpe esta parcela municipal e que o goberno local explique porqué o propio Concello utiliza un espazo no centro da vila como vertedoiro. Por que motivo se producen estes vertidos? Contan con autorización municipal? En caso afirmativo, quen e por que se autorizaron estes vertidos, que ademais do impacto ambiental e visual supoñen un pésimo exemplo para a veciñanza?, preguntou Henrique del Río, quen instou ao goberno a retiralos no prazo máis breve posíbel.
Desde o BNG critican a deixadez do goberno local e a permisividade cos vertedoiros ilegais. Aínda o mes pasado preguntamos no Pleno polo vertido de residuos procedentes da ampliación do centro Pai Menni no Polígono de Piadela, indicou Del Río, o goberno local como toda resposta díxonos que a situación está subsanada sen que repercutise custo para as arcas municipais.
Os nacionalistas pediron ao goberno local un esforzo de concienciación da veciñanza no coidado ao medio. No noso concello temos un punto limpo que ademais é gratuíto onde depositar estes refugallos sen encher todo o noso entorno de vertedoiros, explicou o voceiro nacionalista, quen insistiu en que o propio concello ten que ser o primeiro en dar exemplo. Logo o PSOE manda tres comunicados de prensa dicindo que gastou os cartos dunha subvención en precintar os vertedoiros ilegais que o propio goberno fomenta conclúe.