O BNG insiste en reservar prazas no albergue para persoas sen fogar
Unha cuestión burocrática non pode antepoñerse a unha cuestión de elemental humanidade.
Betanzos, 11 de decembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas volverá a propoñer no Pleno que algunha das trinta prazas do albergue de peregrinos se destine a acoller persoas sen fogar durante os meses de inverno. As nacionalistas explican que a baixa ocupación do albergue durante o inverno permitiría evitar que estas persoas se vexan obrigadas a durmir na rúa.
É unha simple cuestión de humanidade, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Non pode ser que un edificio público dotado de camas estea baleiro mentres varias persoas teñen que gorecerse a diario en portais ou caixeiros de oficinas bancarias, engade.
Unha cuestión burocrática non pode antepoñerse a unha cuestión de elemental humanidade
Desde o BNG-Asembleas Abertas recoñecen que é a terceira vez que propoñen esta medida paliativa e que en anteriores ocasións o PP pretextou a dificultade de modificar unhas liñas do regulamento dos albergues públicos da rede do Xacobeo para xustificar que persoas sen fogar continúen a verse obrigadas a durmir á intemperie. Se PP e PSOE puideron modificar a Constitución en 15 días, non será tan complicado cambiar un par de liñas no regulamento de albergues do Xacobeo, ironiza o concelleiro nacionalista, que sostén que unha cuestión burocrática non pode antepoñerse a unha cuestión de elemental humanidade.
As nacionalistas piden ao PP que reconsidere o seu posicionamento, pois entenden fóra de lugar a alternativa ofrecida pola dereita. Dixeron que era imposíbel modificar o regulamento para propor alternativamente que as persoas sen fogar durman nos calabozos da Policía Local, criminalizando así a estas persoas, lamentan.
Para levar adiante este servizo, desde o BNG-Asembleas Abertas propoñen que o goberno local xestione desde os servizos sociais municipais,o acceso a estas prazas das persoas que o precisen sempre prestando atención á dignidade da persoa. Ademais propoñen crear unha bolsa de recursos (mantas, lavadora, roupa ) para complementar este servizo e facer fronte a outras necesidades que poidan xurdir.
As nacionalistas aseguran que no noso Concello non hai ningún albergue ou aloxamento para estas persoas sen fogar e entenden que esta proposta sería unha saída temporal, cando menos para os meses de inverno. Entendemos que cun custe mínimo, xa que a obra xa está feita e no inverno apenas ten uso, se podería dar un servizo que evite situacións terríbeis como as que estamos vivindo, conclúen.