O 20 de decembro Galiza decídeo todo!
"Chegou pois a hora de afirmar con rotundidade a vontade de Galiza de ser e estar, por riba de siglas e de egoísmos persoais. NÓS vai representar nas eleccións do 20 de decembro a enerxía colectiva dun país rebelde que non cala diante das inxustizas. É hora de sumar, de xogar a gañar e asumir a potencia dunha sociedade viva e plural".
Betanzos, 11 de decembro de 2015. O xornal Betanzos e a súa comarca publica no seu número deste mes un artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas, no que analizamos o desafío que supoñen as eleccións do vindeiro día 20 e as propostas de Nós-Candidatura Galega, na que se integra o BNG. Boa lectura.
O 20 de decembro Galiza decídeo todo!
As eleccións xerais do 20 de decembro celébranse nun momento gravísimo, cando sufrimos os efectos dunha crise económica brutal agravada polas medidas neoliberais do PP. As galegas xogámonos moito, porque o empuxe das outras nacións vai forzar unha reforma constitucional e Galiza ten que estar para defender os seus intereses.
O desafío é grande: a situación exixe imaxinación e require acordos. NÓS-Candidatura Galega é o resultado dun longo debate entre persoas, colectivos e partidos que comparten o desexo de construír unha candidatura galega de unidade, cunha arela común: situar Galiza, as galegas, como únicas protagonistas do debate político en Madrid.
O empuxe das outras nacións vai forzar unha reforma constitucional e Galiza ten que estar para defender os seus intereses
NÓS nace para representar unha maioría social que debe cambialo todo. NÓS garante que as persoas que nos representarán no Congreso e no Senado se preocupan dos problemas da xente de Betanzos e das Mariñas e non nos esquecen ao chegaren a Madrid.
É obvio que todas as candidaturas que se presentan polas provincias galegas inclúen galegas nas súas listas. Obvio tamén que non todas defenderon o noso país en Madrid. Porque non basta nacer en Galiza para defender os intereses do País. O esforzo honesto realizado por formacións como o BNG, con vinte anos de traballo en Madrid, ten demostrado que non chega con sentar nun escano da Coruña para representar unha provincia e un país. Ao longo destes vinte anos, as parlamentarias do BNG deixaron claro quen pon a defensa da Galiza por riba de todo e quen acepta subordinar as necesidades galegas a outras estratexias electorais trazadas desde Madrid.
NÓS garante que as persoas que nos representarán no Congreso e no Senado se preocupan dos problemas da xente de Betanzos e das Mariñas
Chegou pois a hora de afirmar con rotundidade a vontade de Galiza de ser e estar, por riba de siglas e de egoísmos persoais. NÓS vai representar nas eleccións do 20 de decembro a enerxía colectiva dun país rebelde que non cala diante das inxustizas. É hora de sumar, de xogar a gañar e asumir a potencia dunha sociedade viva e plural.
Candidatos como Carlos Carllón, Isabel Risco ou Xosé Luís Rivas Mini, mariñeiros do cerco de Sada como Manolo Presas e gandeiros, como Alberte Lamazares representan o máis rebelde da sociedade galega. Persoas con voz propia e cos pés na terra. Galiza debe estar presente onde se toman decisións que nos afectan. Se NÓS está, Galiza estará!