O BNG insiste en reclamar que se reserven prazas no albergue para as persoas sen fogar
Se PP e PSOE puideron modificar a Constitución en 15 días, non será tan complicado cambiar un par de liñas no regulamento de albergues do Xacobeo.
Betanzos, 20 de febreiro de 2014. O BNG volverá a propoñer no Pleno que algunha das trinta prazas do albergue de peregrinos se destine a acoller persoas sen fogar. Os edís do BNG aseguran na súa moción que o albergue ten un uso moi escaso e discreto durante a tempada de inverno, polo que este uso puntual non tería repercusión nesta modalidade de turismo.
O pasado ano, cando propuxemos isto mesmo, o PP pretextou a dificultade de modificar unhas liñas do regulamento dos albergues públicos da rede do Xacobeo para xustificar que persoas sen fogar continúen a verse obrigadas a durmir á intemperie, indicou Henrique del Río, voceiro do BNG. Se PP e PSOE puideron modificar a Constitución en 15 días, non será tan complicado cambiar un par de liñas no regulamento de albergues do Xacobeo, asegura o concelleiro nacionalista.
Desde o BNG lamentan que o PP se opuxese a esta proposta para aproveitar o albergue coa excusa de que é imposíbel modificar un regulamento para permitir este uso e propuxesen como alternativa que as persoas sen fogar durman nos calabozos da Policía Local, criminalizando así a estas persoas.
Hai un ano o PP negouse a permitir que pesoas sen fogar durman no albergue, dicindo que as persoas sen fogar durman nos calabozos da Policía Local, criminalizándoas
Por este motivo, os nacionalistas piden ao PP que recapacite e rectifique na súa negativa a pedir á Xunta que abra o albergur xa que hai persoas que en pleno inverno están durmindo na rúa, nos caixeiros ou nos portais.
Para levar adiante este servizo, desde o BNG propoñen que o goberno local xestione desde os servizos sociais municipais,o acceso a estas prazas das persoas que o precisen sempre prestando atención á dignidade da persoa. Henrique del Río, portavoz municipal do BNG, explicou que a moción dos nacionalistas ademais propón crear unha bolsa de recursos (mantas, lavadora, roupa ) para complementar este servizo e facer fronte a outras necesidades que poidan xurdir.
Os nacionalistas aseguran que no noso Concello non hai ningún albergue ou aloxamento para estas persoas sen fogar, que de momento son un número relativamente pequeno, aínda que é probábel que se siga incrementando polos efectos da crise económica e das políticas de empobrecemento das maiorías sociais que continúan aprobando o goberno central e o galego, ambos en mans do PP.
Entendemos que cun custe mínimo, xa que a obra xa está feita e no inverno apenas ten uso, se podería dar un servizo que evite situacións terríbeis como as que estamos vivindo, indicou o edil nacionalista., explicou Del Río.