O BNG insiste en colocar unha rampla para garantir o acceso ás oficinas municipais do Liceo
O PSOE votou a favor desto en abril, pero desde entón non sabemos realmente a que anda. Se non estaban polo labor de facilitar o acceso ás dependencias municipais á veciñanza con problemas de mobilidade podían ser honestos e votar en contra.
Betanzos, 1 de outubro de 2014. O BNG reclamou no Pleno de onte que se instale unha rampla para garantir o acceso das persoas con mobilidade reducida ás oficinas municipais do Edificio Arquivo ou Liceo. Xa trouxemos esta demanda varias veces e incluso presentamos unha moción que o goberno do PSOE votou a favor, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Sen embargo, á hora de pasar das boas palabras aos feitos o PSOE non fai nada, lamenta. Algo tan simple como colocar unha rampla para acceder ás oficinas do Edificio Arquivo en estética e material acordes coa fachada segue sendo un imposíbel, cuestiona. O PSOE debeu encargar un custosísimo estudo a algunha empresa privada e debe estar agardando por el para poñer a rampla no Liceo, ironiza.
Desde abril, en que presentamos a moción que o PSOE apoiou, até outubro non sabemos realmente a que anda o goberno local neste asunto, indicou. Desde logo, se o PSOE non estaba polo labor de facilitar o acceso ás dependencias municipais á veciñanza con problemas de mobilidade podía ser honesto e votar en contra, engade.
Os nacionalistas tamén reclamaron que o goberno local insista diante das empresas concesionarias das liñas de autobús e a Xunta para garantizar o dereito destas persoas a desprazarse. Con que o alcalde fixera unha chamada ou mandase unha carta unha vez non abonda, explicou. Se hai que ser pesado e estar todos os meses dándolles a lata até que garanticen os dereitos da veciñanza, é o deber do alcalde facelo, indica.