O BNG valorou positivamente a asemblea aberta e promete continuidade
Os nacionalistas volveron a facer un chamamento a todas as persoas boas e xenerosas a se implicar neste proceso para desaloxar do goberno local ao PP e ao PSOE. As carencias do transporte público, un dos temas que máis preocupan á veciñanza, irán ao Pleno do martes.
Betanzos, 29 de setembro de 2014. O BNG celebrou o pasado sábado unha asemblea aberta nos Soportais da Cañota que contou coa asistencia de varias ducias de persoas e na que tivo lugar un interesante debate sobre a situación en que se atopa Betanzos. A raíz do conflito desatado pola Xunta ao reconverter o novo colexio de educación infantil en aulario ou os recortes na sanidade chegouse á conclusión de que moitos dos problemas que padece Betanzos teñen solución a un nivel distinto ao local, polo que fai necesario que exista un proxecto nacional.
Con todo, moitas das intervencións coincidiron en que Betanzos chegou á situación actual porque as forzas que a gobernaron- PSOE e PP- non teñen un modelo de cidade para servir á veciñanza. A veciñanza denunciou o abandono que sofren os diferentes barrios que se atopan as aforas da nosa cidade, como a Madalena ou Saavedra Meneses.
A veciñanza mostrou a súa preocupación sobre diversos temas como a calidade do servizo da auga, ou o saneamento, xa que moitos núcleos rurais aínda carecen deste servizo. Os veciños e veciñas existentes mostráronse partidarios de evitar que estes servizos sirvan para facer negocio unha empresa privada e para repetir casos de enchufismo de afíns ao goberno. No mesmo sentido, varias persoas cuestionaron tamén o modelo da ORA, advertindo que a zona azul púxose á vez que o estacionamento soterrado do Campo, para pagar por aparcar na cidade. Ademais de outras preocupación como o reparto de subvencións realizado polo goberno local do PSOE, en función de criterios que non son obxectivos.
Os problemas do transporte público acapararon grande parte do debate, desde o tren até o servizo de autobús. Neste sentido, xunto á actualización das paradas e a necesaria revisión das frecuencias, entendíase necesario algún servizo no interior do propio Concello. Varias persoas do rural queixábanse de que todos os actos do Concello son no Campo e en horas ás que se lles obriga a tirar man de vehículo particular, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas valoraron positivamente esta experiencia de contacto directo coa veciñanza que lles trasladou as súas preocupacións e propostas. No BNG levamos varios anos facendo asembleas abertas, mais sempre vinculadas a problemas veciñais concretos como a gasolineira que querían construír na Madalena, a antena de Viraventos ou para recoller propostas para os diferentes orzamentos, indicou Del Río, mais esta é a primeira convocada para coñecer as preocupacións e propostas dos nosos veciños e veciñas e valorámola moi positivamente.
Os nacionalistas e as veciñas e veciños asistentes decidiron darlle continuidade a esta asemblea para seguir falando das problemáticas das diferentes parroquias e barrios do noso Concello e para recabar propostas para conseguir mudar o Concello. Neste sentido os nacionalistas volveron a facer un chamamento a todas as persoas boas e xenerosas a se implicar neste proceso para desaloxar do goberno local ao PP e ao PSOE.