O BNG exixe transparencia nos gastos relacionados coa Banda Municipal
Se hai que gratificar aos rapaces e rapazas que tocan na Banda Municipal, defendemos que se faga conforme á legalidade. O que non pode ser é que o goberno do PSOE tente utilizar a Banda Municipal para facer clientelismo político.
Betanzos, 4 de decembro de 2013. O BNG pediu no Pleno cumprida información da viaxe da Banda Municipal a Bruxelas a vindeira ponte feriada. Segundo a información que se nos achegou, habería 50 prazas para compoñentes da Banda cuxa selección correría a cargo do director, indicou a concelleira nacionalista María Otero.
Segundo lle foi trasladado ao BNG, hai a posibilidade de que parte das persoas que viaxen non sexan compoñentes da formación, senón reforzos puntuais. Por este motivo, os nacionalistas reclamaron coñecer os criterios que se van seguir nesa presunta selección. Desde o BNG botan en falta maior transparencia neste proceso. Onde están publicados estes criterios para garantir que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades?, preguntan.
Ademais,os nacionalistas reclamaron ao goberno local do PSOE que informe sobre o custo deste desprazamento para o Concello e se se conta con algunha achega de outras institucións para que esta agrupación de titularidade municipal se desprace. O que non pode ser é que o alcalde saia todos os días nos medios de comunicación dicindo que non ten cartos e que se estraguen recursos públicos en cousas prescindíbeis como estas, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Se hai que gratificar aos rapaces e rapazas que tocan na Banda Municipal, defendemos que se faga conforme á legalidade, explicou o voceiro do BNG. O que non pode ser é que o goberno do PSOE tente utilizar a Banda Municipal para facer clientelismo político, advirte.
Desde o BNG reclamaron tamén ao goberno do PSOE que aclare como é que aumenta o custo dos profesores do conservatorio con respecto ao curso pasado. Unha das causas do déficit do Conservatorio, ademais, é a desproporcionalidade do salario dos docentes, problema provocado polo PP e mantido polo goberno do PSOE, explicou o edil do BNG. Extrapolando horas de traballo e salarios, cunha xornada de 8 horas os docentes do Conservatorio cobrarían máis que Secretario e Interventora, cunha responsabilidade sensibelmente inferior, indicou. En base a cousas como esta é no que se excusa o PSOE para subir a taxa do conservatorio, advirten.
O voceiro nacionalista explicou que nun contexto onde se recorta o salario dos empregados públicos e cun conservatorio que reduce matrícula, o PSOE gastará máis de mil euros máis no profesorado do centro. O PSOE terá que explicar por que a estes empregados municipais si se lles pode subir o salario mentres que ao restante persoal do Concello non o fai, indicou Del Río.