O BNG exixe no Parlamento o inicio inmediato das obras do novo colexio
Os nacionalistas reclaman a modificación das contas para incluír os máis de 3 millóns de euros que custa construír un colexio de 15 unidades como o de Betanzos.
Betanzos, 8 de xaneiro de 2013. O BNG presentou no Parlamento de Galiza dúas iniciativas para exixir do goberno galego o inicio inmediato das obras de construción do novo colexio de Betanzos. Os deputados Francisco Jorquera e Carlos Aymerich denuncian na súa proposición non de lei que máis outro ano, o proxecto de lei de orzamentos contempla, para investir en 2013, 100.000 para a construción dun novo centro de ensino infantil cando unha obra como a prevista exixiría, ao menos, un orzamento de 3 millóns de euros.
Os deputados nacionalistas temen que como aconteceu en anos anteriores, que non se execute nin un só euro dunha partida que, por outra parte, resulta a todas luces insuficiente para edificar un novo centro como o previsto pola Xunta, con 15 unidades.
Aymerich e Jorquera recordan o compromiso do presidente da Xunta para que o colexio fose unha realidade no curso 2013-14 para reclamar que se inicie de inmediato a construción do novo centro de ensino infantil en Betanzos a fin de que poida entrar en funcionamento para o inicio do curso 2013-2014.
Agora Feijóo e o PP terán que responder no pleno do Parlamento se pretenden seguir privando dun colexio indispensábel para Betanzos e outros concellos da nosa comarca como Coirós e Paderne, indicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. O edil do BNG insiste no feito de que o CEIP Vales Villamarín é o colexio máis masificado de toda Galiza e as políticas de recortes do PP fan que esta situación vaia a peor.
O PP terá que escoller entre mentir un ano máis para non facer nada ou aceptar as iniciativas que presentou BNG e comezar de inmediato as obras para o novo colexio
Os nacionalistas comprometéronse o pasado día 2 de xaneiro coa ANPA do Vales Villamarín a levar o asunto ao Parlamento. Ademais, tamén lles trasladaron a súa disposición a emendar os orzamentos da Xunta para que contemplen os cartos necesarios para a construción do novo colexio. Feijóo e o PP fixaron varios prazos para iniciar as obras e acordaron coa dirección do colexio e a ANPA incrementar o número de alumnos por aula porque no curso 2013-14 ía haber un novo centro escolar indicou o voceiro nacionalista.
O PP terá que escoller entre mentir un ano máis para non facer nada ou aceptar as iniciativas que presentou BNG e comezar de inmediato as obras para o novo colexio, resumiu o voceiro do BNG. Polo ben de Betanzos e pola calidade do ensino público, esperamos que o PP non actúe como estes anos anteriores, indicou, xa que sería unha inmoralidade que o PP estivese xogando cun dereito como o ensino público para tentar recuperar a Alcaldía de Betanzos comprándoa con cartos públicos.
proposicion comision CEIP_Betanzos, proposicion pleno CEIP_Betanzos