O BNG denuncia que o goberno local non executou a sentenza de readmisión doutro GRUMIR
PP e CxB votaron no Pleno en contra de readmitir a estes traballadores e non hai ningunha cantidade prevista no orzamento para pagarlles.
Betanzos, 7 de xaneiro de 2013. O BNG advertiu no Pleno da existencia de outra sentenza que condena ao Concello de Betanzos a readmitir a outro dos operarios do GRUMIR que despediu o goberno local do PSOE. O traballador segue sen ser readmitido e a sentenza segue pendente de executar, denunciou a edil nacionalista María Otero, que tamén reprochou ao executivo de Ramón García que os operarios readmitidos aínda non cobraron os atrasos que lles corresponden.
A concelleira do BNG lembrou que PP e CxB votaron no Pleno en contra de readmitir a estes traballadores e que non hai ningunha cantidade prevista no orzamento para pagarlles. Como pensan pagar os atrasos sen partida prevista nos orzamentos?, interrogou Otero, que tamén reprochou ao goberno do PSOE que manteña a estes traballadores na incertidume para manter contento ao concelleiro de CxB.
Que vai facer o goberno local agora? Volver a despedilos e cometer unha nova ilegalidade?, pregúntanse os nacionalistas. Desde o BNG advirten que no orzamento, como xa advertimos, non aparecía ningunha partida para estas readmisións nin para as indemnizacións.
Para complicar aínda máis a situación, o voceiro do BNG, Henrique del Río, advertiu de que acaba de comezar o ano e outra vez o Concello de Betanzos empeza ano sen ter orzamento aprobado.
Solicitude de reparación dunha beirarrúa
Os nacionalistas lembran que en setembro o BNG chamou a atención sobre o perigo que representa o estado dunha beirarrúa na rúa Saavedra Meneses, estragada polo paso de camións a unha obra e que tería provocado varias caídas, segundo alertou a veciñanza.
Segundo explican, sabemos que ao goberno local lle consta esta situación pero as veciñas e veciños trasladáronos que a situación segue igual. Por este motivo o BNG reclamou ao goberno local do PSOE que informe sobre os prazos nos que ten previsto facer a obra e que aclare os motivos polos que, de setembro até agora, non actuaron para garantir a seguridade no barrio.