Ante a demora nas obras dos Ánxeles o BNG reclama que se sinalicen os camiños de San Xiao
Del Río: Varias persoas contáronnos que estiveran dando voltas polos camiños sen ter claro que pista coller. E os días tan cortos desta época do ano e as chuvias destas semanas aínda engaden máis problemas.
Betanzos, 16 de xaneiro de 2014. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que sinalice o camiño de San Xiao e Armea xa que a veciñanza dos Ánxeles ten que empregar estas pistas para acceder aos seus domicilios e garaxes debido ás obras que se desenvolven na rúa. Varias persoas contáronnos que estiveran dando voltas polos camiños sen ter claro que pista coller indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que engade que os días tan cortos desta época do ano e oas chuvias destas semanas aínda engaden máis problemas á veciñanza.
Para o BNG, os traballos podían terse programado dun xeito moito menos molesto para a veciñanza. Denuncian que a obra permaneceu parada todas as pontes festivas do Nadal, lóxico porque os traballadores teñen dereito a ter días libres pero que o goberno local debería ter previsto isto e actuar para minimizar as molestias á veciñanza garantindo un acceso medianamente normal ás vivendas e garaxes.
Ademais, advirten, comprometeuse seriamente a seguridade da veciñanza ao ter cortada toda a rúa cando se podía ter deixado habilitado un carril. Por onde ía pasar unha ambulancia ou un camión de emerxencias coa maquinaria aparcada no medio da rúa e a calzada totalmente aberta?, pregúntanse.
Os nacionalistas lamentaron que o goberno do PSOE tardase máis de 15 días en autorizarlles a consulta do expediente da obra. Pedimos o cronograma dos traballos e o plan de emerxencias para propoñer melloras que fixesen máis levadeiras as obras á veciñanza e atopámonos cunha actitude obstruccionista por parte do goberno local, lamentan desde o BNG. Demoraron quince días a resposta e en lugar de darnos o que pedimos, obrígannos a remexer en todo o expediente, explicou Del Río.
A falta de información á veciñanza é unha queixa que recollemos a diario, indica o voceiro nacionalista. É como se con que a empresa puxer dous carteis prohibindo o paso a vivendas e garaxes durante todo o día todas as obrigas do Concello estivesen xa cumpridas, explica. De feito, tivo que ser o BNG quen informase a veciñanza e negocios da rúa en que ían consistir exactamente as obras, asegurou, explicando que os nacionalistas remitiron un boletín informativo antes de que comezasen os traballos.
O PSOE cansouse de criticar ao PP hai catro anos, cando abriu toda a avenida Jesús García Naveira dunha vez incrementando os prexuízos da obra para a veciñanza pero agora está a facer exactamente o mesmo e sen informar á xente, advirten os nacionalistas.
Problema engadido de tráfico co estacionamento indebido
Ás molestias das obras no entronque da rúa da Cañota coa dos Ánxeles, a veciñanza ten que padecer o estacionamento indebido que o goberno locald o PSOE tolera no primeiro tramo da rúa dos Ánxeles. O PSOE ten que aclararlle á veciñanza por que permite estacionar no entorno do antigo Cine Capitol obstaculizando o tránsito e dificultando o acceso aos garaxes da zona e ao treito baixo da rúa, indican.