O BNG reclama no Pleno que o goberno local cubra as prazas vacantes nos servizos municipais
Os nacionalistas critican que o PP faga causa pola policía mentres que outras baixas sen cubrir nos servizos municipais non lle importan porque están máis polo labor de privatizar os servizos públicos.
Betanzos, 6 de agosto de 2013. O BNG reclamou no último Pleno que o goberno local explique os motivos polos que non se iniciaron os traballos para cubrir as dúas prazas vacantes na Policía Local se ademais están incluídas no orzamento e co financiamento preciso.
A concelleira nacionalista María Otero indicou que o propio alcalde tennos trasladado a nova da xubilación dun cabo da policía local, así como outras baixas, esperemos que temporais, no cadro de persoal do Concello. É a segunda baixa no corpo da policía local indican os nacionalistas, que aseguran que é obvio que fan falla a totalidade dos efectivos.
Desde o BNG cuestionan que a lexislación actual permite cubrir as prazas deste tipo de servizos e sen embargo o goberno local do PSOE non ten intención de cubrilas. A pesar da restricións na contratación de persoal por parte das administracións públicas aprobadas polo PP no goberno do Estado, no caso concreto da policía local hai un informes favorábeis e polo tanto non habería problema legal para realizar estes contratos.
Ademais, indican que hai outras baixas sen cubrir, como no caso do servizo de limpeza no colexio público. Teñen pensado acudir á empresa privada para cubrilas?, interpelaron os nacionalistas. O BNG xa denunciou a falta de persoal de limpeza no colexio noutras ocasións sen que, polo que parece, o goberno local fixera nada para solucionalo.
Os nacionalistas recordan que cando o PSOE aprobou o orzamento vixente, co único apoio de CxB, o BNG xa advertiu de que estaban previstos os fondos para cubrir unha praza vacante por falecemento na Policía Local. Agora xa son dúas as prazas baleiras, seguen tendo os cartos para cubrilas previstos pero o PSOE non ten vontade, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Así, desde o BNG consideran lamentábel que mentres o goberno do PSOE mantén vacantes dúas prazas na policía local por capricho, teñen a cara de pedir que se aumenten os efectivos da Garda Civil. Para exixirlle algo aos demais, primeiro terás que cumprir co teu, indican.
Os nacionalistas critican que o PP faga causa pola policía mentres que en outros casos de baixas sen cubrir nos servizos municipais ao PP non lle importan porque a normativa que prohibe contratar aos Concellos é do PP e porque están máis polo labor de privatizar os servizos públicos.
Coma noutros moitos casos é o mundo ao revés o PSOE que fai causa onde non goberna da defensa do emprego público en Betanzos fai xusto o contrario, mantén prazas vacantes por capricho e privatiza servizos, e o PP que noutras administracións está inmerso nunha cruzada privatizadora en Betanzos pretende erixirse en defensor dos traballadores, ironizou o voceiro do BNG Henrique del Río, ao final os dous fan o mesmo aínda que pretendan facer ver que non.