O BNG presenta un recurso contra a amnistía fiscal para o Campo
Non é xusto que en nome da crise se lle perdoen as taxas aos negocios que se benefician das festas de agosto no Campo mentres se lle sube a auga, saneamento ou actividades deportivas a toda a veciñanza.
Betanzos, 9 de agosto de 2013. O BNG rexistrou esta mañá o seu recurso contra a decisión de PSOE e PP de perdoar máis de 10 000 euros de taxas durante o mes de agosto aos locais de hostalaría do Campo. No seu escrito, os nacionalistas insisten en que estes locais vense especialmente favorecidos pola programación festiva que se desenvolve na praza a costa dos cartos de todos e todas e que, precisamente por este motivo non son quen mais precisa axuda neste momento de crise.
Non é xusto que en nome da crise se lle perdoen as taxas aos negocios que se benefician das festas de agosto no Campo mentres se lle sube a auga, saneamento ou actividades deportivas a toda a veciñanza, explican desde o BNG. Denuncian que o goberno local do PSOE non se acordou da crise e da situacion economica dos veciños e veciñas para subir a auga ou o saneamento.
Os nacionalistas insisten en que a medida supón unha subvención encuberta xa que estes negocios son os máis favorecidos polo gasto que fai o Concello na programación das festas. Só coas orquestras, o globo e os fogos o gasto municipal supera os 80 000 euros, indican os nacionalistas, que explican que a esta cifra hai que sumar o custo de outros espectáculos e eventos que teñen lugar no Campo.
Non é de recibo que agora, para beneficiar a nove negocios particulares, o PSOE se escude na crise para facerlles unha amnistía fiscal a medida, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas aseguran que, cun café en cada mesa xa teñen pagada a taxa diaria, polo que entendemos que esta medida non está xustificada.
Os nacionalistas insisten en que non existe un control sobre as mesas colocadas de forma adicional durante o mes de agosto, nin noutros momentos puntuais como na Feira Franca Medieval. Desde o BNG xa denunciaron que o goberno local do PSOE ten renunciado a cobrar por estas mesas adicionais. Para outras zonas do municipio non teñen tanto reparo e enseguida exixen que se paguen as mesas que os hostaleiros colocan por riba do número autorizado, indican.
O goberno do PSOE permite que se coloquen estas mesas sen autorización e sen sequera cobrarlles a taxa correspondente, indican desde o BNG. Con estas actitudes o goberno local está a fomentar o malestar entre outros negocios do municipio polo trato de favor a uns poucos, aseguran os nacionalistas. O PSOE fomenta o malestar mesmo entre a propia veciñanza xa que hai queixas continuas sobre as terrazas e o que se permite e non a uns locais e outros advirten. O que non pode ser é que o goberno se ría na cara de quen cumpre coas súas obrigas, conclúen.