O BNG exixe coñecer as obrigas concretas do Concello na rehabilitación das casas do IGVS
O BNG xa reclamou información sobre este acordo varias veces e denunia que o goberno local non lles facilitou datos concretos sobre o tema. Unha conversa telefónica ou cruzar correos electrónicos non obrigan a nada á administración local
Betanzos, 21 de xuño de 2012. O BNG cuestionou o anuncio realizado polo goberno local sobre a achega de tres proxectos de rehabilitación das casas do IGVS á Xunta. A redacción destes proxectos non é competencia do Concello, como o propio goberno local recoñece, indicou Henrique del Río, o concello non ten obriga ningunha de redactarlle os proxectos ao IGVS, polo tanto o goberno municipal está gastando recursos dos veciños que se deberían utilizar en financiar servizos municipais en cousas que non son da súa competencia.
A compra destas vivendas foi unha manobra electoralista, como sempre denunciamos, sen existir financiación para restauralas nin para redactar os proxectos, explicou Del Río, e agora pagamolo todos os veciños e veciñas de Betanzos.
No BNG defenden que unha cousa é a colaboración institucional e outra cousa é pagar contratos que non corresponden ao Concello. O goberno local anuncia que van empezar os traballos de restauración, pero non nos dí con que financiación pois nos orzamentos da Xunta deste ano só aparecen 3000 euros para esta labor, continuou o voceiro nacionalista, Non entendemos porque o goberno local criticou esta raquitica partida e agora asume o gasto da redacción dos proxectos.
O BNG xa reclamou información sobre este acordo varias veces e denunia que o goberno local non lles facilitou datos concretos sobre o tema. Se non hai ningún convenio nin documento escrito, os veciños e veciñas non sabemos a cambio de que o goberno local contrata a redacción de proxectos para IGVS que ten moitos mais recursos que o Concello de Betanzos, afirmou del Río, quen insistiu en que os betanceiros e betanceiras merecen coñecer o contido concreto dese acordo.
Unha conversa telefónica ou cruzar correos electrónicos non obrigan a nada á administración local, concluiu Del Río, antes de facer un anuncio de rehabilitación do casco histórico, hai agora un ano en plena campaña das municipais con visita do presidente da Xunta incluída, habería que ter o financiamento para facelo efectivo xa que o contrario e engañar aos veciños e veciñas.