Un viveiro de empresas, alternativa para crear emprego en Betanzos
"Diante do desemprego pódese mirar para outro lado ou actuar. No BNG preferimos actuar e tentar que o Concello se implique a fondo en facer a crise máis levadeira para a nosa veciñanza".
Betanzos, 7 de febreiro de 2013. O xornal "Betanzos e a súa comarca", que organiza ACEBE-CCA, publica no seu número deste mes un artigo do grupo municipal do BNG sobre a proposta nacionalista para crear un viveiro de empresas. Polo seu interese reproducímolo a continuación de forma íntegra.
Un viveiro de empresas para crear emprego
O Pleno aprobou unha moción do BNG para construír un viveiro de empresas na nosa cidade. Tamén se aprobaron outras mocións presentadas polo BNG nos meses anteriores encamiñadas a crear emprego- como un banco de locais comerciais para dinamizar o pequeno comercio, ceder as parcelas municipais sen uso para persoas desempregadas para cultivar alimentos, unha escola obradoiro para ocupar os postos baleiros da Pescadería, potenciar o centro de formación ocupacional do Concello,... todas elas aínda pendentes de que o goberno local teña a ben levalas adiante.
O Concello ten varias parcelas industriais no polígono de Piadela, baleiras. Tamén conta cun técnico de desenvolvemento local que apenas ten por cometido organizar festas. Aproveitando estes elementos o BNG propón construír un viveiro de empresas onde poidan asentar os seus negocios novos emprendedores. Sería unha instalación cunhas dependencias de uso común (salas de xuntanzas, equipamentos, subministros informáticos,...) e outras para que use cada nova firma que se asente no viveiro. As persoas usuarias aboarían unha cota simbólica como axuda a financiar o servizo e permanecerían no viveiro até que se demostre a viabilidade da empresa.
É unha proposta que está probada e ten éxito en moitos concellos galegos, algún relativamente cerca como Carballo. A cuestión é vontade política de levalo adiante. O goberno local do PSOE aínda dixo no Pleno que o desemprego, que en decembro afectaba xa a 1214 veciños, non é preocupante porque en Pontedeume están peor. Mentras o alcalde afirmaba nos medios que o único que podía facer para loitar contra o desemprego era buscar recomendacións para algúns en empresas amigas, seguindo a política do bo cacique.
Diante do desemprego pódese mirar para outro lado ou actuar. No BNG preferimos actuar e tentar que o Concello se implique a fondo en facer a crise máis levadeira para a nosa veciñanza.