O BNG exixe ao goberno local que cumpra a súa promesa dunha zona de esparcemento para mascotas
Se hai vontade real de construír un área de lecer canino, un ano é tempo máis que de sobra para facela porque o investimento que hai que realizar é moi modesto. Pero no borrador de orzamentos que elaborou o PSOE tampouco hai cartos previstos para esta actuación.
Betanzos, 10 de xuño de 2014. O BNG interesouse pola área de lecer canino que o goberno local do PSOE anunciou o pasado 18 de setembro de 2013. Vai un ano desde aquel anuncio e que saibamos non houbo ningún tipo de proxecto ou xestións para cumprilo, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG aseguran que un ano é tempo máis que de sobra para construír un área deste tipo se hai vontade real de facelo. Os nacionalistas consideran que sendo o terreo proposto polo executivo local xa de titularidade municipal o investimento que hai que realizar é moi modesto. Sen embargo, lamentan, no borrador de orzamentos que elaborou o PSOE tampouco hai cartos previstos para esta actuación.
Os nacionalistas consideran que hai demanda para construír un área de lecer para cans. Houbo unha recollida de sinaturas pedíndoa en tempos do PP, pero non fixeron nada e o PSOE polo momento ademais de vender fume pouco fixo tamén, explican.
Desde o BNG consideran que a construción dun área como esta ofrecerá unha alternativa para os propietarios de animais e permitirá liberar espazo en outros parques e paseos para goce das persoas. Ademais, un área de lecer canino é moito máis doada de vixiar que os paseos e parques, podendo evitarse que se repitan os episodios de envelenamento de mascotas que se diron recentemente ás beiras dos ríos.
Campaña de control das colonias felinas
O BNG tamén pediu información ao executivo local sobre a campaña de control das colonias de gatos das rúas de Betanzos. Anunciaron o control de dúas poboacións e a instalación de dúas casetas para controlar e limitar a súa alimentación pero só se levou adiante a metade do anunciado, explica Del Río.
Desde logo celebramos que o PSOE acollese a nosa suxestión para controlar as poboacións por medio da castración e o control da alimentación en lugar do exterminio que nun primeiro momento anunciara, pero lamentamos que limitasen a intervención á colonia do Casco Histórico, engaden os nacionalistas. Entendemos que os animais nunha situación controlada aportan beneficios ao pobo, polo que as medidas de control deben facerse en toda a cidade para que non haxa veciñanza prexudicada, explicaron os nacionalistas.