O BNG critica que os ingresos do Orzamento non reflicten os pagos de todas as empresas concesionaria
O orzamento recolle só 3769 en concepto de concesións, e tan só esa cantidade respondería xa ao canon do hipermercado do Carregal
Os nacionalistas consideran que estas cifras amosan que a privatización do complexo deportivo municipal sae máis cara que a xestión directa do servizo polo propio Concello
Betanzos, 7 de xuño de 2014. O BNG considerou preocupante que a proposta de orzamentos do PSOE reflicta a renuncia do goberno local a cobrar canto deben as empresas concesionarias de servizos municipais. O orzamento recolle só 3769 en concepto de concesións, e tan só esa cantidade respondería xa ao canon do hipermercado do Carregal, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Non entendemos como o PSOE dá por bo e o reflexa nas contas que a ORA e a retirada de vehículos seguirán sen pagar un peso ao Concello, explicou.
Non entendemos como o PSOE dá por bo e o reflexa nas contas que a ORA e a retirada de vehículos seguirán sen pagar un peso ao Concello
Os nacionalistas cuestionan tamén que as contas do PSOE recollan tan só 3500 euros de ingresos pola taxa de subministro de auga e só 300 euros pola taxa de sumidoiros. O PSOE está dicindo que todo canto ingresa ao ano o Concello por traída e saneamento é isto e que o resto do que paga a veciñanza vai ao peto da concesionaria?, pregúntanse desde o BNG. De ser así, desde logo, é a evidencia de que esta concesión é un negocio ruinoso para o Concello, que aínda encima logo ten que lle pagar as obras á empresa para que siga incrementando os seus beneficios, aseguran os nacionalistas.
Outro tanto se pode dicir do prezo público polas actividades deportivas, engaden. Só 7500 euros de canto paga a veciñanza polo uso das piscinas, ximnasio, pavillón e cursos que alí se imparten van para ás arcas municipais, explica Del Río. O resto, polo tanto, hai que entender que é para a empresa que os explota, engade.
As cifras amosan que a privatización do complexo deportivo municipal sae máis cara que a xestión directa do servizo polo propio Concello
Os nacionalistas consideran que estas cifras amosan que a privatización do complexo deportivo municipal sae máis cara que a xestión directa do servizo polo propio Concello. E desde logo non supón un mellor servizo se temos presentes todas as queixas das persoas usuarias que de xeito recorrente trasladamos ao Pleno, engade o voceiro nacionalista.
Desde o BNG consideran que a previsión de ingresos elaborada polo goberno do PSOE está falseada e non se corresponde para nada coa realidade do Concello. Presenta cifras redondas que sobrepasan sensiblemente a recadación en anos anteriores, explica Del Río. Ademais, aseguran que inclúe partidas de ingresos por actividades que non existen desde hai anos, como o prezo público da escola municipal de teatro.