Del Río: o BNG foi o único que propuxo unha solución para o conflito laboral do Concello
Faraldo está imputada por practicar as mesmas políticas caciquís de sempre en canto ao persoal que achaca ao PSOE.
Betanzos, 4 de outubro de 2012. O BNG acusou ao goberno local do PSOE de incluír no orzamento un plan de emprego que colisiona cos principios legais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública e cos sistemas legalmente previstos para a provisión de vacantes. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, mantivo onte unha xuntanza de traballo cos representantes dos traballadores do Concello para explicarlles as alegacións que o BNG presentou contra as contas apoiadas por PSOE e CxB.
Non se recolle ningunha partida co crédito necesario para as retribucións do persoal do GRUMIR readmitido por sentenza firme, indicou o edil nacionalista, que advirte ademais de que esas prazas tampouco se crean na relación de postos de traballo malia as cinco sentenzas de readmisión que condenan ao goberno local do PSOE. O alcalde despediu aos traballadores do GRUMIR para botarlle a culpa á Xunta e o PP e a pesar de ter catro condenas cando se debateron os orzamentos non as incluíu nas contas para enganar a CxB, indicou. Para Del Río o PSOE xogou cos traballadores e privou aos betanceiros e betanceiras dun servizo moi necesario para facer electoralismo contra a Xunta.
Os representantes dos traballadores municipais agradeceron ao BNG ter presentado unha moción na que se solicitaba que se compense a perda de poder adquisitivo dos empregados do Concello. PSOE e PP posicionáronse en contra a pesar de que os técnicos municipais dan alternativas para levar adiante a proposta e a pesar de que Concellos gobernados polo PSOE decidiron compensar aos seus traballadores, explicou o voceiro do BNG.
Faraldo está imputada por contratar persoal á marxe da lei
Diante das manifestacións do PP sobre a política de persoal do goberno local do PSOE, o voceiro do BNG lembroulle á dereita que Faraldo está imputada por practicar as mesmas políticas caciquís de sempre en canto ao persoal que achaca ao PSOE. En lugar de dar leccións que ela mesma non acataba cando era alcaldesa, o que ten que facer esta señora é dimitir indicou, cuestionando que en lugar de dimitir, esta persoa colócase en postos de saída na candidatura para o Parlamento para conseguir ser aforada e eludir os tribunais.
O nacionalista recordou, ademais, que o PP ensáñase a diario cos traballadores públicos. Ademais de desacreditalos ante a opinión pública, o PP eliminoulles a paga extra e fixo unha reforma laboral que permite facer EREs nas Administracións Públicas, indicou. Se os laborais do Concello poden ser despedidos do seu posto de traballo é grazas ao PP da señora Faraldo, asegurou.
Os únicos que puxemos enriba da mesa unha solución para os problemas do persoal municipal fumos o BNG, explicou Henrique del Río, que engadiu que o PSOE abandonou aos traballadores, ao contrario dos que lles prometeu hai un ano e o PP tampouco solucionou o problema nos catro anos que gobernou. Só lles interesan os traballadores municipais para cruzarse declaracións electoralistas, e a proba é que nin PSOE nin PP presentaron propostas concretas para solucionar o conflito laboral que hai no Concello de Betanzos.