O BNG exixe ao goberno local que aclare a situación dos traballadores tras a aprobación do orzamento
Non entendemos que sentido ten traer a acordo plenario un tema que xa está executado. Que vai facer o goberno local agora co GRUMIR? Volver a despedilos e cometer unha nova ilegalidade?
Betanzos, 29 de novembro de 2012. O BNG pediu ao goberno local información sobre en que situación queda a aprobación do orzamento que foi publicado no BOP o pasado venres. O alcalde comprometeuse no anterior Pleno a elaborar un informe e remitilo aos representantes dos veciños e non volvemos ter ningún tipo de información sobre este tema, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, non sabemos se nos temos que dar por enterados a través dos medios de comunicación e do BOP.
Hai determinados temas que non quedaron nada claros, como o tema do Grumir, xa que no Pleno PP e CxB votaron en contra de readmitir aos traballadores, pero hai 5 traballadores que xa foron readmitidos cando o Pleno acordou o contrario, explicou o voceiro nacionalista. Non entendemos que sentido ten traer a acordo plenario un tema que xa está executado. Que vai facer o goberno local agora? Volver a despedilos e cometer unha nova ilegalidade?, ironizou.
Desde o BNG informaron tamén de que, polo que saben, estes traballadores aínda non percibiron a indemnización que lles corresponde por sentenza xudicial. No orzamento, como xa advertimos non aparecía ningunha partida para estas readmisións nin para as indemnizacións, explicou, e despois de que o Pleno acordase, cos votos de PP e CxB, non modificar un orzamento que aínda non estaba aprobado, non sabemos con que cartos pensa pagarlles o goberno local.
Nós xa advertimos no Pleno que a RPT e o Plan de Emprego non se aprobaban á par do orzamento, como pretendeu facer o goberno do PSOE, recordou Henrique del Río, xa que a cuestión de confianza só vai vinculada ao orzamento. Por este motivo, e por mentir no Pleno varias veces sobre as sentenzas de readmisión cuxa execución agora mesmo está no aire, os nacionalistas volveron reclamar este martes no Pleno a dimisión do concelleiro-delegado de economía e persoal. Non teríamos chegado a esta situación se o goberno do PSOE fixese as cousas ben e non estas chapuzas, concluíu.